----

Expertos analizan mañá nunha xornada os cambios da sociedade móbil

O tráfico de Google en dispositivos móbiles superou os de escritorio en 2016 e desde entón non parou de subir. 87 de cada cen usuarios de Facebook fano a través do móbil e son nove máis que hai un ano. Son algunhas cifras que poñen de manifesto a relevancia da comunicación móbil hoxe en día. Sobre esta realidade falarán mañá expertos de ámbito internacional no Consello da Cultura Galega. A cita chámase “Sociedade móbil e cultura: novos e vellos desafíos” e poderase seguir en directo desde o sitio web da institución. O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e un dos coordinadores da cita, Xosé López, serán os encargados de inaugurar esta xornada.

Xosé López García, Manuel Gago e Alba Silva coordinan unha cita que xunta durante un día especialistas de diferentes ámbitos para analizar os usos e os consumos de produtos culturais nunha sociedade marcada pola comunicación móbil e, ao mesmo tempo, debullar cal pode ser o papel da cultura galega nese escenario.

O programa
A xornada comeza cun relatorio de Juan Miguel Aguado, da Universidad de Murcia, que ten como título “Contornas de información ubicua. Catálogo de desafíos pendentes”. Deseguido, Oscar Westlund, da Götegorgs Universitet, ofrecerá unha perspectiva europea da produción e consumo de información en móbiles.

Koldobika Meso Ayerdi, da Euskal Herriko Unibertsitateak, achegará o periodismo móbil e cultura móbil. E pecha a sesión da mañá João Canavilhas, da Universidade da Beira Interior, cun relatorio titulado “O móbil como oportunidade para producir contidos e intervir”.

Pola tarde haberá tres relatorios: un de Andreu Casero-Ripollés, da Universitat Jaume I, sobre as oportunidades e retos da comunicación política na sociedade móbil; outro de Eva Campos, da Universidad de Valladolid, sobre as oportunidades da comunicación móbil para os actores culturais, e un terceiro a cargo de Manuel Gago, do Consello da Cultura Galega, no que falará da conquista de novos territorios comunicativos para a cultura galega.

Outras noticias que che poden interesar