----

O Consello da Cultura xunta nun web as actividades dos centros da memoria no Día do Patrimonio

Visitas guiadas, xornadas de portas abertas, pezas do ano, difusión de documentos dixitalizados como o Himno Galego gravado en Barcelona no ano 1919.... son moitas e moi variadas as iniciativas que Bibliotecas, Arquivos e Museos de Galicia organizan para celebrar o Día do Patrimonio. Unhas accións que, por iniciativa do Consello da Cultura Galega (CCG), se visibilizan de xeito conxunto por primeira vez. Desde o web do CCG pódese acceder a este sitio específico que, en palabras do presidente da institución, Ramón Villares, “pretende chamar a atención sobre a importancia do patrimonio moble”.
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
O Consello da Cultura xunta nun web as actividades dos centros da memoria no Día do Patrimonio

O vindeiro día 16 de novembro é o Día do Patrimonio Mundial. Unha efeméride que catorce centros da memoria galegos, é dicir, bibliotecas, arquivos e museos, celebran con actividades individualizadas. “O Consello da Cultura Galega súmase a esta conmemoración cun sitio web que agrupa as accións que cada centro decide facer” apuntou o presidente Ramón Villares. Canda el, estaban os membros da sección de Patrimonio do CCG Concepción Varela e Gabriel Quiroga, que destacaron a transversalidade e a relevancia de difundir accións sobre o patrimonio.
O técnico do Consello da Cultura, Manuel Gago, explicou que a acción agrupa pequenos fitos. “É a primeira vez que varias entidades se poñen de acordo para visibilizar accións de patrimonio para celebrar o 16 de novembro” apuntou. Pero hai máis, fano desde unha imaxe única que non é o logo de ningunha institución senón unha imaxe gráfica compartida. Ademais, puntualizou Gago “sumáronse a esta proposta centros públicos e privados, grandes e pequenos con accións que se desenvolven en toda a xeografía, tanto rural como urbana”.

Accións variadas
A dixitalización dun facsímile vencellado a Castelao, charlas sobre o traballo dos arquivos, xornadas de portas abertas, visitas guiadas, vídeos explicativos, a dixitalización do Himno Galego gravado en Barcelona en 1919.... son algunhas das máis de trinta actividades que se van desenvolver en catorce centros de Galicia para celebrar o Día do Patrimonio.
Os centros que se suman a esta iniciativa son o Arquivo da Real Academia Galega, o Arquivo do Reino de Galicia, o Arquivo Histórico provincial de Lugo, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense, o Arquivo Intermedio Militar Noroeste, o Arquivo Municipal de Ferrol, o Ecomuseo de Arxeriz, a Fundación Penzol, a Fundación Vicente Risco, o MDC_L Museo Diocesano Catedralicio de Lugo, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo das Peregrinacións e de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela.

Outras noticias que te poden interesar: