NOTICIA

----

Unha publicación do Consello da Cultura Galega documenta os cambios no galego hoxe en día

A “deriva” do galego, o contacto co castelán, os neofalantes, o purismo... e as súas posibilidades de futuro. Estas son algunhas das cuestións que trata “Estudos sobre o cambio lingüístico no galego actual”, unha publicación do Consello da Cultura Galega coa edición de Xosé Luís Regueira e Elisa Fernández Rei. Os editores, xunto con Dolores Vilavedra, coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, e Ernesto González Seoane, director do Instituto da Lingua Galega (ILG), presentaron esta mañá este documento que pretende dar conta da variación do noso idioma.

“O galego pasou de ser unha lingua prohibida a ser unha lingua oficial e accedeu a ámbitos como a escola, a administración e os medios de comunicación, que o puxeron na esfera pública e que foron determinantes para que tivera grandes mudanzas” explicou na presentación Elisa Fernández Rei. Por iso, esta publicación pretende identificar factores que tiveron e teñen un impacto sobre a lingua que aínda non foi estudado.
O volume comeza cun traballo de interese xeral sobre o cambio lingüístico e recolle tanto traballos de carácter xeral teóricos como empíricos. Entre os temas que trata está o dos neofalantes; un grupo que, malia non ser moi numeroso, ten unha importante presenza e visibilidade social. Outros traballos afondan en comprobar o comportamento que presentan os falantes que se declaran monolingües en galego e os de castelán, e os que se declaran bilingües. A publicación aborda aspectos tan significativos como a escrita electrónica, unha das novas variedades da lingua, ou como as e os falantes perciben as diferencias dialectais, como as valoran. Algúns artigos constitúen refinamentos de metodoloxías tradicionais, como a Xeografía Lingüística ou a Toponimia, mentres que outros introducen perspectivas teóricas innovadoras nos estudos galegos, como a dialectoloxía perceptiva, as actitudes ante a variación, a análise do discurso ou o estudo perceptivo da variación fonética.

As orixes do volume
Entre 2012 e 2015 na Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolveuse un proxecto titulado “Cambio lingüístico no galego actual” encamiñado a afondar, desde enfoques metodolóxicos innovadores, os cambios que se estaban a producir no galego. A idea partía de que o contacto lingüístico era determinante neses cambios e que cumpría analizalos. No marco dese proxecto publicáronse algúns traballos e tamén se desenvolveu un simposio que tivo lugar na Facultade de Filoloxía da USC e no Consello da Cultura Galega no ano 2015. Unha liña de traballo de investigación que dá conta de todo este fenómeno.

Colaboración institucional
No marco da presentación, o director do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Ernesto González, quixo destacar que “non se trata dun libro de actas, si dos estudos baseados nesas presentacións que se fixeron en 2015 e que chega dunha colaboración institucional moi frutífera entre o CCG e o ILG”. Dolores Vilavedra, coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, incidiu neste último aspecto. “É a décimo terceira achega dunha serie que se iniciou en 2001, destinada a dar saída ás investigacións das diferentes edicións do simposio do ILG e que xorde da convicción de necesidade de promover o estudo independente e científico sobre o noso idioma” apuntou Vilavedra.