NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega aborda desde mañá nun encontro a faceta pública de Carlos Casares

Carlos Casares foi, para a cultura galega, moito máis que un creador. A súa faceta pública como escritor e como intelectual centra un encontro que o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza desde mañá en Santiago de Compostela. Esta cita pretende analizar o papel desempeñado por Casares no campo político-cultural da Transición así como a actividade difusora da cultura galega no exterior. O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e un representante da familia Casares inauguran esta cita que se poderá seguir en directo por Internet.

Profesionais do xornalismo, da literatura, da investigación e amizades de Carlos Casares participan neste encontro que pretende contextualizar a figura de Casares na historia das últimas décadas. O seminario prestará atención ao labor político e ao seu compromiso cun xornalismo independente ao servizo do público lector. Ademais, tamén deixará oco para analizar o papel de Casares como embaixador da cultura galega.

O programa
O seminario, coordinado por Dolores Vilavedra, está estruturado en tres bloques temáticos: “Intelectuais e democracia”; “En diálogo con outras literaturas” e “Escritor nos xornais”. No primeiro dos bloques Juan Pablo Fusi, da Universidad Complutense de Madrid, situará o papel dos intelectuais no contexto español. Será Antón Baamonde, profesor de Filosofía, quen axustará o foco da intelectualidade galega. O propio Baamonde coordinará despois unha mesa redonda na que os profesores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Carlos Pajares e Andrés Torres Queiruga, xunto con Damián Villalaín, docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, falarán de Casares como intelectual do seu tempo.

Pola tarde terá lugar o segundo dos bloques temáticos, que relaciona a conexión que Casares trazou entre a literatura galega con outras tradicións literarias. Fernando Valls, da Universitat Autònoma de Barcelona, abordará as relacións de Casares coas literaturas españolas. Deseguido, Xosé Manuel Dasilva, da Universidade de Vigo, e Olivia Rodríguez, da Universidade da Coruña, afondarán na capacidade de Casares para tecer pontes.

O segundo día do seminario céntrase no papel que Casares desempeñou a través da prensa. O primeiro dos relatorios estará a cargo de Dolores Vilavedra e titúlase “A ledicia de ler: historiografía, crítica e columnismo”. Con posterioridade, Fernanda Tabarés, de Voz Audiovisual; Tucho Calvo, de Biblos; e Luís Álvarez Pousa, da Universidade de Santiago de Compostela, falarán de Casares como un escritor de xornal. O seminario pecha coa lectura das conclusións.

Un ano de Casares
Esta cita insírese dentro dunha liña de traballo continuada ao longo deste ano en que Casares foi recoñecido no Día das Letras Galegas e que conta con especial actividade neste mes de novembro. Os actos comezaron a principio de mes en Ourense e en Vigo coas Xornadas Carlos Casares, organizadas pola Fundación Carlos Casares, e rematarán, do 21 ao 23 de novembro, co Simposio Carlos Casares, que organiza a Real Academia Galega e que conta coa participación de dezaseis especialistas que profundarán na biografía e na obra do escritor ourensán.