O Consello da Cultura Galega analiza nun libro o Consello de Galiza e os exilios ibéricos

Tal día como hoxe, de 1944, un grupo de galeguistas constituíron en Montevideo o Consello de Galiza, o goberno galego no exilio. Sobre as circunstancias e as características dese fito trata a publicación “Os exilios ibéricos: unha ollada comparada”, que hoxe presentaron, no Consello da Cultura Galega, o presidente da institución, Ramón Villares, canda o profesor Xosé Manuel Núñez Seixas. Ambos os dous editan esta publicación que recolle os textos presentados no simposio homónimo realizado en novembro de 2014. A publicación xa se pode descargar desde o web do Consello da Cultura Galega.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
O Consello da Cultura Galega analiza nun libro o Consello de Galiza e os exilios ibéricos

“O primeiro obxectivo daquel encontro pasaba por analizar a executoria e as características do galeguismo exiliado, e as circunstancias que levaron á constitución do Consello de Galiza” explicou Ramón Villares na presentación. Despois, centrouse en ver os exilios desde a perspectiva teórico-conceptual e tamén desde unha ollada transversal. Nun terceiro lugar analizáronse diversos casos de exilios ibéricos que presentaron características semellantes ás do galego. “Non se trataba tanto de ver casos concretos, senón os conceptos, as olladas transnacionais e as relacións e conexións entre ambos” puntualizou Núñez Seixas, coeditor da publicación.

Ademais, a publicación conta cun anexo que incorpora documentación que non se presentou no seu día no congreso, como son as contribucións de Alberto Pena, sobre as conexións entre o galeguismo, o franquismo e o salazarismo; e de Heloisa Paulo, quen achega un relatorio sobre “Castelao e os ‘amigos portugueses’: o republicanismo e a liberdade como bandeiras comúns”. Tamén se xuntan, entre outro material, dúas cartas pouco coñecidas de Castelao. A publicación encádrase dentro da colección “Actas” do Consello da Cultura Galega.