O Consello da Cultura presenta a app “A máquina do tempo” para dar a coñecer o patrimonio moble

Co gallo do Consello da Cultura Galega presenta mañá en rolda de prensa a Máquina do Tempo, unha app gratuíta, dispoñible para as principais plataformas móbiles que pon en valor o patrimonio moble de Galicia dun xeito innovador. A iniciativa dase a coñecer co gallo da celebración do Día do Patrimonio Mundial que ten lugar o vindeiro 16 de novembro. Na presentación participan o presidente do CCG, Ramón Villares e Manuel Gago, responsable da aplicación. 
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A Máquina do Tempo é unha app gratuíta, dispoñible para as principais plataformas móbiles que pon en valor o patrimonio moble de Galicia dun xeito innovador. A Máquina do Tempo combina dúas tecnoloxías emerxentes: a realidade aumentada e a realidade virtual. A realidade virtual permítelle ao usuario explorar a través do seu teléfono e en calquera lugar importantes pezas custodiadas nas institucións de memoria de Galicia. A realidade virtual, a través dunhas gafas especiais, permítelle simular unha viaxe no tempo ata a época na que eses obxectos eran empregados, experimentando espazos, persoas e sons do momento.

Cinco períodos históricos
A app ofrece a posibilidade de explorar cinco obxectos de cinco períodos históricos distintos, custodiados en diferentes centros de memoria de Galicia. O vaso campaniforme de Vilavella (Universidade de Santiago de Compostela) lévanos á Prehistoria; o bronce votivo (Museo de Pontevedra) introdúcenos no mundo da relixiosidade da Idade do Ferro; o báculo e o anel do bispo Gonzalo (San Martiño de Mondoñedo) permítenos recrear unha coñecida lenda medieval que relata como este bispo destruíu unha armada pirata; a Virxe Abrideira de Allariz (Museo de Santa Clara de Allariz) trasládanos ao mundo das Cantigas de Santa María e o cartafol de documentos lévanos á Galicia da Ilustración, onde seguimos Vicente Álvarez de Neira polos sotos do Arquivo do Reino de Galicia na procura dun curioso documento.

Un complexo traballo de produción
O desenvolvemento da app A Máquina do Tempo levou máis dun ano e involucrou un equipo de máis de vinte persoas de diferentes ámbitos, desde especialistas en diferentes periodos históricos ata programadores, deseñadores, dixitalizadores de patrimonio ou dobradores.
A recreación de todas as épocas seguiu un coidadoso proceso de documentación e de recreación, e durante as vindeiras semanas iranse explicando en reportaxes como foi construída a ambientación de cada unha das épocas.

Un experimento educativo
O Consello da Cultura Galega está a desenvolver esta potente ferramenta no ámbito educativo, onde considera que pode ter un gran potencial para conectar aos estudantes coa cultura e a Historia de Galicia. Iniciouse un programa experimental con profesores de ensino secundario de Galicia de diferentes áreas e ámbitos (rural e urbano, norte e sur de Galicia) para implicar aos rapaces e rapazas no uso da Máquina do Tempo e na creación de novos contidos, fomentado a súa participación no futuro da app.

URL do web da app

Descarga para Android

Descarga para Apple