NOTICIA

----

Un encontro do Consello da Cultura Galega destaca o “hibridismo” de Carlos Casares

Carlos Casares desempeñou un papel central na difusión da cultura galega, sobre todo polo seu carácter de embaixador, de “tecer pontes”, e tamén pola súa versatilidade. Estas ideas afloraron na maior parte das intervencións dun encontro que durante dous días xuntou no Consello da Cultura Galega (CCG) profesionais do xornalismo, da literatura, da investigación e algunhas amizades. A cita, coordinada por Dolores Vilavedra, serviu tamén para descubrir facetas menos coñecidas del, como a súa fascinación pola ciencia ou a súa dimensión relixiosa. O encontro rematou esta mañá cunha análise do seu labor como escritor en xornais.

O encontro pretendía servir para afondar no papel que Casares desempeñou como embaixador da cultura galega, pero tamén para amosar aspectos menos coñecidos da súa personalidade, como o seu interese pola física cuántica ou o seu perfil como columnista. Precisamente esta faceta de Casares como escritor de xornais pechou hoxe o encontro.
Despois dunha conferencia a cargo de Dolores Vilavedra, Luís Álvarez Pousa abriu os relatorios coa descrición do contexto e a evolución do papel do intelectual na prensa. Deseguido, fixo unha análise do valor que tivo para o xornalismo e para a sociedade o labor que Casares desenvolveu na súa tribuna “Á marxe”. Sobre esta sección concreta falou Tucho Calvo, quen analizou o estilo empregado polo escritor, que “depuraba dos relatos orais, bebía de mil fontes e transformaba en personaxes literarios a todo aquel que se cruzaba na súa vida”. Con todo, Tucho insistiu no feito de que “non é un querido diario, senón un punto de encontro con xentes do país, unha tertulia diaria á que todos estaban convidados”.
Pechou esa mesa a xornalista Fernanda Tabarés, quen explicou que “non coincidín con el a nivel profesional pero si no persoal, pola amizade que tiña co meu pai” e recoñeceu que “foi unha mágoa porque eu era unha persoa con moitas preguntas e el posiblemente tivese moitas respostas”. Presentou a Casares como un escritor, un intelectual e un personaxe público pero destacou que non era xornalista. “No entanto, na súa columna había moito de xornalismo: hai algo de correspondente, porque falaba das súas viaxes; hai algo de crónica; hai algo de reportaxe; hai algo de opinión, sen condescendencia; hai tamén entrevistas, nas que traslada conversas que mantiña con outra xente; e ademais ten unha linguaxe clara e precisa; e tamén está a audiencia, o gran público”.

Intelectuais e democracia
A cita arrincou onte cun primeiro bloque pensado en contextualizar o labor de Casares na época que lle tocou vivir. Juan Pablo Fusi, da Universidad Complutense de Madrid, centrou o papel dos intelectuais no contexto español, mentres que Antón Baamonde, profesor de Filosofía, axustou o foco á realidade galega. O propio Baamonde coordinou unha mesa redonda na que os profesores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Carlos Pajares e Andrés Torres Queiruga, xunto con Damián Villalaín, docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, falaron de Casares e ofreceron aspectos menos coñecidos del que condicionaron a súa biografía, como foron a súa dimensión relixiosa ou a súa fascinación pola ciencia.

En diálogo con outras literaturas
No serán do xoves pola tarde, os relatorios estiveron encamiñados a debullar a conexión que Casares trazou entre a literatura galega con outras tradicións literarias. Fernando Valls, da Universitat Autònoma de Barcelona, abordou o diálogo que Casares mantivo con axentes doutras literaturas durante a época da transición. Puxo enriba da mesa numerosas referencias bibliográficas, nomes propios e datos de como se construíron esas pontes con outras literaturas. Deseguido, Xosé Manuel Dasilva, da Universidade de Vigo, trazou a relación de Casares co mundo da tradución: o interese teórico, os títulos que traduciu así como a política editorial desenvolvida. Foi Olivia Rodríguez, da Universidade da Coruña, quen debullou unha serie de artigos publicados na prensa nos que recollía a súa viaxe en tren por Europa como se foxe un ensaio de xornal.

Un ano de Casares
Esta cita inseríase dentro dunha liña de traballo continuada ao longo deste ano en que Casares foi recoñecido no Día das Letras Galegas e que conta con especial actividade neste mes de novembro. Os actos comezaron a principio de mes en Ourense e en Vigo coas Xornadas Carlos Casares, organizadas pola Fundación Carlos Casares, e rematarán, do 21 ao 23 de novembro, co Simposio Carlos Casares, que organiza a Real Academia Galega e que conta coa participación de dezaseis especialistas que profundarán na biografía e na obra do escritor ourensán.