----

O Consello da Cultura Galega e a Xunta acordan estudar a situación laboral da muller na cultura galega

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares; o vicepresidente, Alfonso Rueda; e mais o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron este serán un acordo de colaboración para a elaboración do informe “A muller na cultura galega: condicións sociolaborais no ámbito cultural con perspectiva de xénero”. Un documento que pretende servir para coñecer cal é a situación da muller no sector cultural e que permitirá ao goberno galego implementar as accións políticas que sexan necesarias.
O Consello da Cultura Galega e a Xunta acordan estudar a situación laboral da muller na cultura galega

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, lembrou o carácter consultivo e non executivo da institución, e situou este acordo no marco da súa liña de traballo habitual de “estudar a realidade e facer algunhas propostas para que sexan as administracións as que decidan”. Nese sentido, o vicepresidente Alfonso Rueda destacou a pertinencia do acordo e insistiu que “a partir desa diagnose poderemos ir tomando as accións e decisións políticas que sexan necesarias desde unha administración responsable”. Pola súa parte, Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, incidiu no feito de que “cómpre ter unha diagnose, un documento cero, para coñecer a situación e estas accións se poidan integrar no marco da Estratexia da Cultura Galega”.

O informe “A muller na cultura galega”
Este acordo pretende analizar a situación da muller no ámbito sociolaboral da cultura galega, especialmente nas artes escénicas e audiovisuais, desde unha perspectiva estatística, complementándoa cunha investigación cualitativa. Os resultados deste estudo estarán dispoñibles nun prazo de doce meses e serán publicados.

En virtude do asinado esta tarde, a elaboración do informe implica unha explotación estatística da “Mostra Continua de Vidas Laborais” ou dalgunha base de datos similar que permita o estudo lonxitudinal das condicións sociolaborais das persoas que tiveron relación laboral con algunha actividade económica considerada dentro do ámbito cultural. O acordo implica tamén a realización dunhas trinta entrevistas, co formato de historias de vida, a suxeitos que mantiveron nalgún momento unha actividade profesional relacionada coa cultura e, especialmente, dentro do ámbito das artes escénicas e do audiovisual.

No acto estaba presente tamén Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Jacobo Sutil, director da Agadic e Marcelino Fernández, xerente do CCG.

Outros acordos
Este acordo súmase a outro asinado o pasado 25 de outubro entre a Consellería de Cultura e o Consello da Cultura Galega para a realización de materiais de diagnóstico para a Estratexia da Cultura Galega. Aquel acordo implicaba unha recollida de datos (cualitativos e cuantitativos) dos sectores culturais máis relevantes: edición, audiovisual, musical, artes escénicas, artes visuais, patrimonio cultural e institucións da cultura (bibliotecas, arquivos e museos). Nel, o Consello da Cultura tamén comprometía a recoller liñas de actuación sobre diferentes temas transversais que influían na cultura galega, entre eles os seguintes: financiamento da cultura, gobernanza na cultura, ámbito dixital e tecnolóxico, internacionalización e proxección exterior, cultura e educación, inclusión cultural, turismo cultural e a muller na cultura. Aquel acordo encadrábase dentro do interese do Goberno galego de redactar a Estratexia da Cultura Galega, un plan de traballo para idear a cultura galega no horizonte da segunda década deste século, mediante un proceso compartido e participativo.