NOTICIA

----

Mañá comeza no Consello da Cultura unha xornada que analiza a acción do ser humano na degradación da terra

1950 é un ano determinante para a xeoloxía. É cando se marcou o inicio dunha nova época xeolóxica coñecida como o Antropoceno. Nese ano tamén se fixa o comezo da “Grande Aceleración”. Estas dúas nocións poñen en evidencia que a acción do home ten repercusións negativas no Sistema Terra. Sobre esta problemática xira a xornada “O Antropoceno e a ‘Grande Aceleración’. Unha ollada desde Galicia”, que terá lugar mañá no Consello da Cultura Galega. A cita será inaugurada polo coordinador, Francisco Díaz Fierros e retransmitirase en directo desde o web da institución.

No marco do 35th International Geologial Congress, desenvolvido en agosto de 2016 en Sudáfrica, emitiuse un informe que fixou o inicio dunha nova época xeolóxica: o Antropoceno. Daquela tamén se dixo que unha das características desta etapa era que a actividade humana pasaba a ser un factor de primeira magnitude que inflúe na modificación dos procesos xeolóxicos. E sobre esta idea xirará a primeira parte da xornada de mañá.

O Antropoceno
O marco xeral vaino establecer o relatorio de Alejandro Cearreta, membro do Anthropocene Working Group, baixo o título “O Antropoceno: tempo xeolóxico ou declaración política?”. Despois terá lugar unha mesa redonda acerca da achega cuantitativa sobre uso e consumo de recursos en Galicia no século XX. Nela participarán diferentes profesores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que abordarán a cuestión en ámbitos concretos: Xan Doldán falará da enerxía; Lourenzo Fernández Prieto e Beatriz Corbacho farano dos adubos. A repoboación forestal pública e a produción de madeira no noso país serán tratadas por Eduardo Rico Boquete, mentres que os residuos urbanos e mineiros vainos analizar Mª Teresa Barral. Os aspectos urbanísticos e a auga retida nos encoros serán comentados por Xosé Mª Tubío Sánchez e Francisco Díaz-Fierros, respectivamente.

A “Grande Aceleración”
Outro dos aspectos que tratará esta xornada ten relación coa “Grande Aceleración” e os límites do crecemento. Este concepto, acuñado por Steffen en 2004, pretende poñer en relación o consumo exponencial dos recursos terrestres pola humanidade coas repercusións no cambio en determinados indicadores da saúde ambiental do Sistema Terra. Este aspecto analizarase na sesión da tarde. O marco chegará chega da man de Jorge Riechmann, da Universidad Autónoma de Madrid. Na mesa redonda posterior ofreceranse diferentes achegas sobre a degradación do sistema biolóxico galego no século XX. Pablo Ramil, da USC, falará sobre biodiversidade vexetal; Carlos Vales, do CEIDA da Xunta de Galicia, tratará o tema dos vertebrados; da Universidade da Coruña chega Pedro Galán, que explicará o declive dos anfibios e réptiles; mentres que Xan Rodríguez, da Sociedade Galega de Historia Natural, explicará o caso dos paxaros. A mesa remata coa intervención de Fernando Cobo, da Estación de Hidrobioloxía da USC "Encoro do Con", que contará o caso da bioloxía fluvial. A sesión remata cun debate de todos os participantes ás 19:00 horas.