Esta sesión da serie “Encontros co patrimonio” comezou cunha conferencia de Xosé Lois Armada que explicou as características básicas da ourivaría castrexa que deu paso á análise científica do Tesouro de Recouso que se está a abordar desde o Instituto de Ciencias do Patrimonio.
Características da ourivaría castrexa
“A ourivaría dos castros é unha das manifestacións máis salientables da arqueoloxía do noroeste peninsular e unha das máis destacadas do occidente europeo” explicou Xosé Luis Armada. No seu relatorio contou que se conservan máis de 50 torques e conxuntos (diademas, cintos, aros de cabelo, colares...) mais uns cen lingotes que se empregaban para fabricar estes obxectos. A traxectoria do estudo da ourivería dos castros estivo marcada pola descontextualización desa ourivería, de achados casuais por particulares que deron lugar a historias moi singulares pero que limitaron os avances da investigación.
Armada explicou as principais características da ourivería: en primeiro lugar destacou polo material co que se constrúe, principalmente ouro, que se conseguía do bateado fluvial; en segundo lugar estaba marcado por unha aliaxe entre ouro e prata; en terceiro lugar, desde o punto de vista tecnolóxico, a ourivería castrexa exhibe técnicas variadas (emprego de cera perdida, de fundición adicional, de influencias mediterráneas... e despois técnicas como a soldadura, a filigrana o granulado). Ademais, tamén chamou a atención sobre a diversidade de usos e significados das pezas.
Desde o ano 2010 o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC vén liderando proxectos de investigación financiados en convocatorias públicas competitivas orientados ao estudo da metalurxia protohistórica da Europa atlántica. A investigación sobre a ourivaría dos castros constitúe unha parte moi salientable destes proxectos.
O Tesouro de Recouso
“É o conxunto de materiais que se conserva no Museo das Peregrinacións, composto por unhas cincuenta pezas pero que sabemos que había máis pezas pero que se perderon” explicou Xosé Luis Armada. O conxunto apareceu no Castro de Recouso no Concello de Oroso, preto de Santiago
Posteriormente Óscar García-Vuelta incidiu no tecnolóxico deste achado. Destacou a importancia da ornamentación que condiciona todo o proceso de fabricación. Pola súa parte, Simona Scrivano achegou a sú constribución ao patrimonio cunha análise química con raios X sobre as pezas, que é “como ter unha pegada dactilar do tesouro” indicou.
Balance de dous anos de Encontros co patrimonio
Con esta cita cúmprense xa dous anos da serie “Encontros co patrimonio”, unha proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, que quería poñer o foco sobre actuacións en marcha de bens do patrimonio galego. A proposta foi formulada por Iago Seara, daquela coordinador da sección quen tamén estivo presente para facer memoria do cometido co que naceron este tipo de citas. “Foi un formato diferente das xornadas e seminarios, máis áxil e que podía incidir na alma nos procesos de patrimonialización cultural que estaban nacendo en Galicia a partir dos anos 2013 e 2014” incidiu. Segundo Seara naceron nunha época na que houbo unha escaseza na conservación do patrimonio por parte da administración e que deu lugar a numerosas reivindicacións pola cidadanía que se canalizaron a través deste formato no Consello da Cultura.
A coordinadora e responsable actual da sección de Patrimonio e Bens Culturais, Rebeca Blanco Rotea, tomou o relevo desta cita e fixo balance dos dous anos de andaina desta serie. “Fixemos 15 encontros, 7 anuais que respondían a “interese social, por demanda e petición de colectivos, pero tamén por conflitos sociais e con gran variedade temática: protección do patrimonio, patrimonio industrial, recuperación do patrimonio...”. Explicou que houbo un incremento de público neste tempo, eminentemente masculino, co que “cremos que fomos cumprindo cos obxectivos de dar a coñecer proxectos que se estaban a facer en Galicia e establecer un diálogo coa cidadanía e con outros investigadores”. Ademais, avanzou que se están a traballar na introdución de cambios no formato, no que se explorarán novos modelos nos que se buscará “saír á rúa”.