NOTICIA

----

O Consello da Cultura xunta mañá a poesía galega e catalá nunha nova edición de “Poetas Itinerantes”

Mañá mércores terá lugar no Consello da Cultura Galega unha nova edición do recital “Poetas Itinerantes”, un encontro promovido por esta institución xunto co Instituto Ramón Llul e o Etxepare para exhibir o que se está a facer en Galicia, Cataluña e o País Vasco a nivel poético. A cita, que estaba previsto que se celebrase en outubro, tivo que ser adiada pola imposibilidade de se desprazar da comitiva catalá. Nela participan Anna Gual, Blanca Llum Vidal, Joan Pons, Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño e Rosalía Fernández Rial.

Mañá mércores 13 de decembro terá lugar no salón de actos do Consello da Cultura Galega unha nova edición do recital “Poetas Itinerantes” e suporá a participación de Anna Gual, Blanca Llum Vidal, Joan Pons, pola banda catalá, e de Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño e Rosalía Fernández Rial, pola galega. A cita chega despois de que este mesmo recital tivera lugar o pasado 2 de novembro no Pipa Club de Barcelona.

Anna Gual (Vilafranca del Penedès, 1986) recitará poemas do seu libro inédito "Altres semidéus" (Outros semideuses) e tamén dos seus poemarios "El tubercle" (O tubérculo), "Molsa" (Carriza) e "Implosions" (Implosións). Pola súa parte, Joan Pons (Menorca, 1960) escolle textos dos seus libros “L’illa dels arbres vençuts” (A illa das árbores vencidas), do volume en construción “Illes salvatges” (Illas salvaxes) e algún inédito. Pola banda catalá, remata Blanca Llum Vidal, que recitará varios poemas inéditos e outro do seu poemario “Punyetera flor” (Pillabana flor).

Da banda galega, Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) recitará varios textos inéditos canda outros poemas dos seus libros "Desescribindo”, "Mudanzas" e "Catálogo de velenos". Yolanda Castaño (Santiago, 1977) achegará poemas das súas obras “ A Segunda Lingua”, “Profundidade de Campo” e “A Coruña á luz das letras”. Pecha a representación galega Rosalía Fernández Rial, con obras dos seus libros "Vinte en escena", "Ningún amante sabe conducir" e “Contra-acción” mais dous poemas inéditos.

Poetas itinerantes
Este proxecto naceu en maio de 2015 promovido polo Instituto Etxepare, o Instituto Ramon Llull e o Consello da Cultura Galega. O obxectivo consistía en estreitar os vencellos entre as culturas coa poesía como aliada na construción dun espazo común e diverso no que existirmos e dende o que falar coas nosas propias voces. Construír pontes que intercomuniquen as diferentes culturas do Estado permitiranos transitar cara a un futuro intercultural e multilingüe no que todas as voces poidan ser escoitadas e sentidas como propias.

Rikardo Arregi, Iñigo Astiz, Itzaro Borda, Mireia Calafell, Jordi Julià, Jordi Llavina, Miren Agur Meabe, Leire Bilbao, Anxo Angueira, Gonzalo Hermo, Dores Tembrás e Manuel Rivas deixaron o pouso dos seus versos nos intercambios de 2015 e 2016.

Outras noticias que che poden interesar