Unha mesa redonda e unha publicación do Consello da Cultura completan a revisión do legado de Anna Turbau sobre Galicia

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, e a editora da obra, Natalia Poncela, presentaron esta mañá “Anna Turbau. Galicia, 1975-1979”, a publicación que recolle unha parte significativa do legado que a fotógrafa Anna Turbau (Barcelona, 1949) cedeu ao CCG. A publicación, xunto coa exposición, comisariada por Margarita Ledo (Pazo de Fonseca, ata o 16 de xaneiro), permiten ver os conflitos sociais, políticos e humanos cos que a fotógrafa se atopou a finais dos anos setenta. O volume deuse a coñecer no marco dunha serie de actividades en que tamén houbo unha mesa redonda na que participaron, ademais de Anna Turbau, César Portela, Cristina Zelich e Margarita Ledo.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O presidente do Consello da Cultura destacou na presentación “a complicidade e a excelencia” do traballo da autora que se recolle no volume titulado “Anna Turbau. Galicia, 1975-1979”. A editora, Natalia Poncela, incidiu en que se trataba dun volume “que responde ao legado que Anna cedeu ao Consello e que suma máis de 10.000 negativos”. Tamén puxo fincapé no feito de que existe unha correlación entre o espazo que ocupan na publicación e o número de negativos que hai no arquivo. Ademais das fotografías, a publicación conta con catro textos que permiten contextualizar a obra e a autora. Margarita Ledo achega unha lectura que reflicte o seu propósito comisarial e o seu encontro con Anna neses anos. O texto de Emilio Grandío ten un punto de vista histórico de revisión da transición. O de Cristina Zelich enmarca a obra de Turbau no contexto da fotografía dos anos sesenta, mentres que o de Rebeca Pardo fai unha análise complementaria de toda a obra da fotógrafa catalá.
A publicación é tamén o primeiro traballo de compilación e documentación que se fixo sobre o legado desta fotógrafa. O libro, que ten un prezo de venda público de 30 euros, está editado en galego e ten versión en español e inglés.

Outras actividades
Alén da presentación, na xornada de hoxe tamén se produciron dúas actividades encamiñadas a difundir o traballo de Anna Turbau sobre Galicia. Unha mesa redonda na que diferentes amigos e coñecedores do traballo de Anna Turbau explicaron e contextualizaron o seu legado. Margarita Ledo, César Portela e Cristina Zelich, moderados por Natalia Poncela, permitiron coñecer o contexto en que se produciron as fotografías e un relato moito máis persoal da autora. As actividades pecharon cunha visita guiada pola exposición.

A exposición
A mostra, que se pode ver ata o 16 de xaneiro, permite recoñecer unha dobre visión. Dunha banda, unha Galicia rural de gran riqueza visual e compositiva que emerxe a través da ollada desta fotógrafa que investigou coa súa cámara a realidade rural, as festas e romarías, o traballo das mariscadoras ou o universo das curandeiras. Da outra, deu visibilidade a unha serie de problemáticas e reivindicacións populares, desde as mobilizacións contra as obras da autoestrada do Atlántico, as manifestacións sobre a situación das empresas navais, os debates sobre a autonomía e as vontades nacionalistas, que lle ocasionaron, en máis dunha ocasión, problemas coa policía. Ademais, na mostra pódense ver ideas recorrentes no traballo de Turbau como son a cama, as olladas ou as mans, que ofrecen unha mirada moi persoal e humanizada que caracteriza a fotografía de Anna Turbau.

Anna Turbau
Estudou deseño gráfico en Barcelona, na escola Massana (Centre d’Art i Disseny) e na ELISAVA (Escola Universitària de Disseny i Enginyeria de Barcelona). O seu primeiro contacto coa fotografía chegoulle en 1975, cando recibiu o encargo de facer unha serie de fotografías na Ciutat Vella de Barcelona e descobre unha cidade marxinal e oculta. Esta experiencia foi decisiva na súa escolla da fotografía como medio expresivo e na súa procura de visibilizar o invisible. Ese mesmo ano entra en contacto con Galicia, onde fixou a súa residencia e traballou como fotoxornalista nun contexto maiormente masculino e no que destacou cun traballo moi persoal, respectuoso e incisivo. A presión policial obrigouna a marchar en 1979. Regresa a unha Barcelona onde comeza a traballar na revista “Actual” e en 1984 na realización televisiva, eido en que se especializou en programación educativa e cultural. Foi profesora de fotoxornalismo na Escola Internacional de Fotografia Grisart de Barcelona.
Na actualidade vive entre Calatañazor (Soria) e Barcelona, e continúa a traballar en series fotográficas como Mujer y silencio (2009) e na súa última obra: a documentación fotográfica da exhumación dos fusilados de guerra en Calatañazor (2017).