----

O Consello da cultura presenta o Mapa Sonoro de Galicia, unha web para explorar a diversidade cultural de Galicia a través do audio

O Mapa Sonoro de Galicia (mapasonoro.consellodacultura.gal) é un novo proxecto web do Consello da Cultura Galega (CCG) que nace co obxectivo de ofrecer unha perspectiva xeográfica a coleccións sonoras xa custodiadas pola institución (no Arquivo Sonoro de Galicia) ou por outras entidades e particulares. Está especializado en coleccións de recollida antropolóxica, etnográfica, lingüística ou de sons da natureza, ambiente ou de actividade humana.

O Mapa Sonoro de Galicia parte de máis de 500 documentos sonoros distribuídos por todo o país, agrupados en coleccións sonoras moi diversas en tipoloxía e distribución xeográfica. A cultura popular de tradición oral nos centros da terceira idade recolle lendas, contos populares e gravacións do nosos maiores. A nosa fala permite coñecer e diferenciar as variedades dialectais da lingua galega. Auga doce: viaxe sonora polo río Miño recolle os sons do gran río de Galicia, desde o paso natural do río ata as accións humanas vinculadas a el. Sons da terra permite escoitar sons da natureza pero tamén de oficios xa desaparecidos, e o Cancioneiro antropolóxico recolle os cantares e a tradición musical das montañas do Lor e as terras de Quiroga, en Lugo.

Os usuarios poden explorar as coleccións sonoras directamente sobre o mapa galego ou cruzadas a través de etiquetas que reflicten espazos, formas de contar, personaxes ou ámbitos da vida, permitindo a exploración da diversidade cultural e paisaxística de Galicia a través das súas voces e sons. Outras entidades e particulares con coleccións sonoras poderán tamén empregar a ferramenta para difundir e preservar estes valiosos materiais.