NOTICIA

----

O Consello da Cultura presenta no Museo de Pontevedra a edición de “Chucurruchú” de Antonio Iglesias Vilarelle

É unha obra con forte arraigamentoo na memoria musical de Pontevedra. “Chucurruchú” de Antonio Iglesias Vilarelle é unha suite en tres movementos que plasma musicalmente a procesión que se celebraba nesta cidade unha semana despois do Corpus. Agora, o Museo de Pontevedra acolle a presentación da edición, revisión e estudo desta peza elaborada polo Consello da Cultura Galega. A cita terá lugar o vindeiro díaa 27 coa presenza da vicepresidenta, Rosario Álvarez, do profesor Luís Costa e do autor do estudo crítico, José Antonio Cantal.

Chucurruchú é o nome popular dunha procesión matinal que saía os anos impares arredor de Santa María, unha semana despois do día de Corpus. Unha festa con moito arraigamento en Pontevedra na que se inspirou Iglesias Vilarelle para plasmala musicalmente nunha suite en tres movementos. Para o director, pianista e coordinador da Sección de Musica e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega, Maximino Zumalave, “é unha icona sonora que sitúa a moitos pontevedreses nun preciso contexto de celebración popular e relixiosa”.

“Chucurruchú” foi composto en 1937, segundo indicación do mesmo autor. A estrea realizouse en 1939 en Lisboa, con dirección e, mesmo, arranxos sobre o orixinal de Luís de Freitas Branco. A obra volveuse interpretar en Pontevedra en 2015 co gallo do Concerto das Letras Galegas dedicado a Filgueira Valverde.

Agora, o Consello da Cultura Galega publica esta obra coa colaboración do Museo de Pontevedra, que garda a documentación que se precisou para a súa elaboración. Alén da partitura, o volume conta cun estudo crítico a cargo de José Antonio Cantal Mariño, profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Sobre o compositor
Antonio Iglesias Vilarelle nace o 17 de xaneiro de 1891 en Santiago de Compostela, aínda que con dous anos se trasladou a Pontevedra coa súa familia. Con 17 anos comeza os estudos de Dereito, que interrompe en novembro de 1910 para irse a Madrid a ocupar un emprego en Facenda.
Remata os estudos na capital e reside alí ata os anos vinte, cando regresa a Pontevdra coa súa muller, Josefina Rodríguez Lorán, coa que casara en xullo de 1915.

As súas inquedanzas intelectuais abranguían moi diversos eidos: a historia da arte, as fontes e testemuños históricos, a liturxia e a haxiografía, a evolución das técnicas musicais e a renovación pedagóxica. Sendo a máis destacada das súas participacións culturais a súa produción no eido da música.

Na súa mocidade compartiu instituto con Sánchez Cantón, Octavio Pintos e Blanco Porto e formou parte dos Ultreias. A través da súa relación con Losada Diéguez axudou a pór os alicerces do Museo de Pontevedra e tamén do Seminario de Estudos Galegos.

Fundou con Antonio Blanco Porto a Sociedad Filharmónica de Pontevedra, da que foi secretario entre 1923 e 1925, e en 1940 converteuse en director da Coral Polifónica de Pontevedra, cargo que ocupou durante vinte e catro anos. Tamén dirixiu o Conservatorio de Música de Pontevedra. Como músico cultivou diversos xéneros como o motete, a suite orquestral, o lied, o preludio sinfónico e a canción popular.

Ingresou na Real Academia Galega en marzo de 1950, cun acto de investidura que tivo lugar en decembro de 1951 no paraninfo do Instituto Nacional de Ensino Medio de Pontevedra. Entre outros méritos, tamén foi académico correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, fillo adoptivo de Pontevedra e Cabaleiro da Orde de Isabel A Católica.

Un repertorio de música
O Consello da Cultura Galega ten entre as súas liñas de traballo a elaboración e a recuperación do noso patrimonio musical. No apartado de recuperación, salienta o traballo feito sobre José Rodríguez Carballeira, coñecido como Pepito Arriola, do que se editou a súa obra musical. No que ten que ver coa composición, o CCG fixo diferentes encargas a creadores galegos actuais de obras para coro sobre textos clásicos da literatura galega. Entre as máis recentes, sobresae a composición que Margarita Soto Viso elaborou sobre “Fala unha laverca”, sacada do poemario Da terra asoballada, de Ramón Cabanillas; ou a composición que Xavier de Paz fixo a partir de dúas cantigas que Filgueira Valverde escribiu como contestación a “Ángeles de Compostela”, versos que lle dedicou ao pontevedrés o poeta, músico e mestre Gerardo Diego. Estas dúas obras foron estreadas este ano no marco dos concertos “No bico un cantar” e o Concerto das Letras Galegas. Ademais, destaca tamén a versión de “Penélope”, de Xosé María Díaz Castro, para coro e orquestra realizada por Octavio Vázquez e que foi estreada en 2014.

A Sección de Música e Artes Escénicas
A Sección de Música de Artes Escénicas está coordinada por Maximino Zumalave e conta entre os seus membros con nomes como Inma López Silva ou o compositor Juan Durán. Entre a súa actividade recente destaca a organización das xornadas “As bandas de música na cerna da cultura popular de Galicia” ou “A música tradicional hoxe: perspectivas e retos”; así como a elaboración do informe As artes escénicas en Galicia: situación e perspectivas, que realiza unha análise da situación das artes escénicas nos seus diferentes ámbitos, ademais de facer unha serie de propostas de política cultural para os vindeiros anos.