NOTICIA

----

Expertos analizan desde mañá no Consello da Cultura as novas características dos incendios forestais

Unha vaga de lumes arrasou en outubro de 2017 unhas 50.000 hectáreas en dous días no noso país. Nese mesmo ano en Portugal, o Instituto de Conservação da Natureza e das Florestas (ICNF) contabilizou unhas 418.000 hectáreas queimadas. Son lumes cada vez máis virulentos contra persoas e edificacións. Sobre as características desta nova vaga de incendios trata o coloquio que comeza mañá no Consello da Cultura Galega. Durante dous días, expertos de Galicia e Portugal analizarán a situación actual e discutirán que medidas se deberían adoptar para atenuar os seus eventuais impactos. A cita, que ten as prazas esgotadas, poderá seguirse en directo a través do sitio web da institución.

Francisco Díaz-Fierros coordina unha cita que aborda un tema de máxima de actualidade e que xunta especialistas de diferentes ámbitos para analizar se estamos ante unha nova xeración de lumes marcada por unha maior agresividade contra edificacións e persoas.

O programa
A xornada comeza cun relatorio xeral a cargo do coordinador, Francisco Díaz-Fierros, na que pretende facer unha breve historia dos incendios forestais en Galicia e Portugal.

O seguinte relatorio, a cargo de José Antonio Vega, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, analizará a relación existente entre o cambio climático e os incendios forestais. Deseguido, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Edelmiro López falará da desestruturación do medio rural.

Pola tarde analizarase a orde e desorde no espazo forestal, cun relatorio a cargo de Juan Picos, profesor da Universidade de Vigo (UVigo). Remata a primeira xornada Francisco Sineiro, da Universidade de Santiago de Compostela, cunha análise dos cambios nos usos das terras e vulnerabilidade aos incendios.

O coloquio continúa o venres, en sesión de mañá, con relatorios a cargo de dous profesores chegados de dúas universidades portuguesas. Luciano Lourenço, da Universidade de Coimbra, falará de lumes na interface urbano-forestal. A continuación, António Salgueiro, da Universidade Lusófona do Porto, ofrecerá un relatorio titulado “Preparação do sistema de defesa para comportamento extremo de lume”.

A cita remata cunha mesa redonda, moderada polo coordinador da cita, Francisco Díaz-Fierros, na que todos os participantes pretenderán achegar unha serie de medidas de prevención e de atenuación perante esta nova situación.

A temática da xornada está a levantar grande expectación e a capacidade da sala está cuberta. Profesionais de federacións rurais, distritos forestais, asociación ecoloxistas, investigadores e técnicos de entidades vencelladas coa materia, entre outros, solicitaron a súa inscrición, polo que se agarda un debate de interese. Todos os contidos derivados desta xornada figurarán na hemeroteca web da institución accesibles para futuras consultas.