NOTICIA

----

Expertos apuntan á desestruturación do mundo rural entre as causas dos incendios forestais

Unha política forestal que pon a prioridade na extinción e non na orixe do problema; unha escasa prevención estrutural e un ordenamento forestal inadecuado son algunhas das causas que explican a virulencia e magnitude dos últimos incendios. Así o destacaron varios expertos no coloquio “Unha nova xeración de incendios” que se celebra no Consello da Cultura Galega. A cita, que xunta a expertos de Galicia e Portugal, remata mañá venres cunha mesa redonda que propoñerá medidas para atenuar os eventuais impactos dos lumes.

O marco xeral do coloquio estableceuno Francisco Díaz-Fierros que fixou catro etapas para os incendios forestais baseados na súa magnitude: a primeira esténdese entre 1968 e 1974 e supera as barreiras das 20.000 hectáreas. A segunda, entre 1975 e 1990, supera a barreira dos 100.000 hectáreas e que da inicio aos megaincendios. A terceira, que vai de 1991 a 2002, caracterízase por un incremento drástico do orzamento (chega a multiplicar por cinco o da etapa anterior). A última etapa esténdese entre 2003 e o presente e mantén a tendencia de lumes que arrasan entre 20.000 e 30.000 hectáreas.

José Antonio Vega, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, foi quen enfiou a relación existente entre o cambio climático e os incendios forestais nun relatorio no que propuxo incrementar a resistencia aos impactos do cambio climático co aumento da biodiversidade e a alteración da estrutura da vexetación.

O profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Edelmiro López falou da desestruturación do medio rural e definiuno “un problema crónico desde hai cinco décadas”. No seu relatorio fixo un repaso por unha situación que emerxe como un problema grave na década dos setenta. Desde entón, a intervención da Xunta centrouse no dispositivo de extinción e non nos factores estruturais que están na orixe do problema. Para Edelmiro eses “factores” son” deficiencias no ordenamento forestal e, globalmente no ordenamento e xestión do territorio, agravadas polo incumprimento xeneralizado da normativa en materia de prevención (control de vexetación)”. Na súa diagnose, considera que “Galicia xa non é un país nin unha sociedade rural, no que só vive o 25% da poboación” e que “o rural tampouco é principalmente agrario”. Ademais, na súa opinión os cambios do uso da terra fixeron que o mato e as árbores foran avanzando cara os núcleos de poboación ao tempo que as casas e instalacións empresariais avanzaban cara o monte, agravando aínda máis o problema. Iso explica, na súa opinión, que os incendios recentes se concentraran nas áreas costeiras e periurbanizadas e no rural abandonado, mentres que as principais áreas gandeiras do centro e norte de Galicia, onde hai un maior uso agrario do territorio, foron as menos afectadas.

Os relatorios completáronse pola tarde, con Juan Picos, profesor da Universidade de Vigo (UVigo) que falou de a orde e desorde no espazo forestal. Canda el, Francisco Sineiro, da Universidade de Santiago de Compostela, fixo unha análise dos cambios nos usos das terras e vulnerabilidade aos incendios.

Peche da xornada
A cita remata mañá venres con relatorios a cargo de dous profesores chegados de dúas universidades portuguesas. Luciano Lourenço, da Universidade de Coimbra, falará de lumes na interface urbano-forestal. A continuación, António Salgueiro, da Universidade Lusófona do Porto, ofrecerá un relatorio titulado “Preparação do sistema de defesa para comportamento extremo de lume”.

Francisco Díaz-Fierros modera a mesa redonda que pon o ramo ao coloquio na que todos os participantes pretenderán achegar unha serie de medidas de prevención e de atenuación perante esta nova situación.
A temática da xornada está a levantar grande expectación e a capacidade da sala está cuberta. Profesionais de federacións rurais, distritos forestais, asociación ecoloxistas, investigadores e técnicos de entidades vencelladas coa materia, entre outros, solicitaron a súa inscrición, polo que se agarda un debate de interese. Todos os contidos derivados desta xornada figurarán na hemeroteca web da institución accesibles para futuras consultas.