Tanto os expertos participantes nas xornadas como o público asistente coincidiron en situar os lumes sufridos recentemente en Portugal e Galicia nunha nova xeración de incendios. Na descrición das súas características tamén foron apuntando a un problema complexo que implica actuar en múltiples frontes. Para profesionais como Edelmiro López,profesor da USC, cómpre actuar na prevención, nunha política decidida que implique poñer en valor territorio cunha mobilización produtiva das terras. Outros como Juan Picos propuxeron buscar discontinuidades na masa forestal, cambios nas especies.... Con todo, a opinión maioritaria é que fan falla actuacións colectivas non individuais que afecten tanto aos usos e á propiedade da terra como ás especies a introducir no territorio, así como un maior estudo sobre a motivación dos cidadáns a plantar lume.
Dous días de coloquio
O marco xeral do coloquio estableceuno Francisco Díaz-Fierros que fixou catro etapas para os incendios forestais baseados na súa magnitude: a primeira esténdese entre 1968 e 1974 e supera as barreiras das 20.000 hectáreas. A segunda, entre 1975 e 1990, supera a barreira dos 100.000 hectáreas e que dá inicio aos megaincendios. A terceira, que vai de 1991 a 2002, caracterízase por un incremento drástico do orzamento (chega a multiplicar por cinco o da etapa anterior). A última etapa esténdese entre 2003 e o presente e mantén a tendencia de lumes que arrasan entre 20.000 e 30.000 hectáreas.
José Antonio Vega, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, foi quen enfiou a relación existente entre o cambio climático e os incendios forestais nun relatorio no que propuxo incrementar a resistencia aos impactos do cambio climático co aumento da biodiversidade e a alteración da estrutura da vexetación.
O profesor Edelmiro López falou da desestruturación do medio rural e definiuno “un problema crónico desde hai cinco décadas”. No seu relatorio fixo un repaso por unha situación que emerxe como un problema grave na década dos setenta. Desde entón, a intervención da Xunta centrouse no dispositivo de extinción e non nos factores estruturais que están na orixe do problema. Para Edelmiro eses “factores” son” deficiencias no ordenamento forestal e, globalmente no ordenamento e xestión do territorio, agravadas polo incumprimento xeralizado da normativa en materia de prevención (control de vexetación)”. Na súa diagnose considera que “Galicia xa non é un país nin unha sociedade rural, no que só vive o 25% da poboación” e que “o rural tampouco é principalmente agrario”. Ademais, apunta que os cambios do uso da terra fixeron que o mato e as árbores foran avanzando cara os núcleos de poboación ao tempo que as casas e instalacións empresariais avanzaban cara o monte, agravando aínda máis o problema. Iso explicaría que os incendios recentes se concentraran nas áreas costeiras e periurbanizadas e no rural abandonado, mentres que as principais áreas gandeiras do centro e norte de Galicia, onde hai un maior uso agrario do territorio, foron as menos afectadas.
Pola súa parte, Juan Picos, profesor da Universidade de Vigo (UVigo) que falou de a orde e desorde no espazo forestal. Canda el, Francisco Sineiro, da Universidade de Santiago de Compostela, fixo unha análise dos cambios nos usos das terras e vulnerabilidade aos incendios.
A temática da xornada levantou grande expectación e os debates contaron con grande riqueza e participación. Profesionais de federacións rurais, distritos forestais, asociación ecoloxistas, investigadores e técnicos de entidades vencelladas coa materia achegaron os seus puntos de vista. Xa están dispoñibles para consulta no sitio web todos os relatorios empregados polos participantes durante estes dous días.