NOTICIA

----

Refuxiados, patrimonio e dereitos de autor centran as próximas actividades da institución

O Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de abrir a inscrición das próximas actividades. A primeira delas terá lugar o vindeiro martes 30 de xaneiro cun novo encontro sobre o patrimonio, desta volta centrado no castro de San Lourenzo, revitalizado pola comunidade veciñal. Tamén está aberto o prazo para anotarse a unha xornada sobre dereitos de autor prevista para o 22 de febreiro e para outra cita (15 de febreiro) que aborda a situación dos refuxiados desde o ámbito científico. A inscrición pode facerse a través do sitio web da institución.

Refuxiados, patrimonio e dereitos de autor son as temáticas das próximas propostas que se desenvolverán no Consello da Cultura Galega. A recuperación do castro de San Lourenzo xurdiu principalmente da iniciativa da comunidade local, que promoveu un proxecto no que participaron varias universidades (USC e País Vasco) e fundacións (Abanca). Un castro moi complexo que experimentou sucesivas ocupacións e reocupacións ao longo de practicamente 2000 anos, cuxos investigadores mostrarán os primeiros resultados a vindeira semana.

O 15 de febreiro terá lugar a xornada “Persoas Refuxiadas ConCiencia”, que nace como punto de encontro para reflexionar desde o contexto científico sobre os movementos de persoas refuxiadas. A cita pretende identificar histórica e socialmente estes movementos con relatorios de persoas expertas no exilio científico español e galego. Dentro desta perspectiva histórica, analizamos nomeadamente as leccións aprendidas e por aprender do antisemitismo. Anxo Carracedo, Luis Enrique Otero Carvajal, José Edelstein, Eleuterio Toro ou Gabriel Tizón son algúns dos participantes.

“Dereitos de autor, lei aplicable e percepción social” é o título dunha xornada que terá lugar o 22 de febreiro e pretende contribuír a difundir as cuestións básicas de dereitos de autor que cómpre ter en conta na sociedade rede segundo o novo marco normativo e coñecer aqueles aspectos sometidos a análise e revisión. Unha cita en que participan os profesores José Ignacio Aguaded, Javier Díaz Noci e Raquel Xalabarder.

A inscrición destas actividades pódese facer a través do sitio web da institución.