NOTICIA

----

O Consello da Cultura inaugura mañá Illa rota, mostra que documenta a sociedade coruñesa de principios do século XX

O Consello da Cultura Galega (CCG) inaugura mañá martes, 30 de xaneiro de 2018, a exposición “Illa rota. Da II República ao franquismo”. A mostra, que se pode ver ata o 30 de marzo na sala de exposicións do Concello da Coruña, amosa a transformación e evolución da sociedade coruñesa entre o período que vai da II República ata o franquismo a través da ollada do fotoxornalista Juan Cancelo. A inauguración terá lugar ás 19:30 horas e contará coa presenza de Ramón Villares, presidente do CCG, e de Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña.

“Illa rota. Da II República ao franquismo” peneira na parte que se puido recuperar do arquivo fotográfico de Juan Cancelo (1892-1987), coruñés que colaborou en varias cabeceiras aínda que foi en El Ideal Gallego onde acadou sona de ser o primeiro fotoxornalista da prensa galega. Outro fotógrafo da Coruña, José Caruncho, foi o encargado da selección do material que conforma a exposición e permite seguir as mudanzas e problemas da cidade da Coruña. A través dun centenar de fotografías recóllense tanto escenas das elites e grupos de poder, como a vida nas rúas, os baños nas praias da cidade, os bailes, o lecer das corridas de touros e dos deportes, e a vida dura das clases populares. A mostra estará aberta ata o vindeiro 30 de marzo na sala de exposicións do Concello da Coruña.