O Consello da Cultura aborda nunha xornada a xestión de datos masivos desde Galicia

Datos de formularios e enquisas, correos electrónicos, mensaxes en redes sociais, sinais de móbil, arquivos de audio, sensores, imaxes dixitais..., a sociedade en rede deixou gran cantidade de volume de datos. Á súa xestión e análise chámaselle Big Data. Sobre este tema tratará a xornada do Consello da Cultura Galega (CCG) “A cultura dixital en Galicia: viaxe de ida e volta ao Big Data, á verificación e á mobilidade”, que terá lugar o vindeiro 15 de marzo. A cita ten aberto o prazo de inscrición a través do web da institución.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O Big Data non só mudou o acceso á cultura, senón que está transformando moitas das dinámicas culturais das sociedades actuais. Nesta xornada, coordinada por Xosé López, Xosé Ramón Pousa e Rosa Aneiros, preténdese ofrecer unha visión panorámica do que acontece no panorama do Big Data, coa presentación dalgunhas experiencias, e analízanse vías para aproveitar esa circulación masiva de datos nas iniciativas culturais nos diferentes ámbitos.

O programa
A xornada comeza cun relatorio xeral a cargo de Anaclet Pons, catedrático de Historia Contemporánea da Universitat de València, sobre o Big Data e os novos documentos.

Despois, o catedrático de Comunicación da Universidade Carlos III e da UNED Carlos Elías fala de ruído e información clave na era de sobreabundancia das mensaxes. A sesión da mañá remata cun relatorio sobre a utilidade e os desafíos do emprego de datos no campo da cultura e da ciencia. A visualización dos datos e a súa aplicación nos produtos culturais será o tema que trate a xornalista Clara Higuera, que traballa como "Data Scientist" na BBC, e tamén Xaquín González, xornalista e infografista.
Un dos grandes riscos do exceso de información pasa polos bulos, pola necesidade de verificar a información e buscar sistemas que acheguen valor engadido aos produtos culturais. Disto falará pola tarde Jesús Miguel Flores Vivar, profesor de Ciberperiodismo e director de Internet Media Lab. da Universidad Complutense de Madrid. Deseguido, Carmen García Mateo, catedrática do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo, falará de intelixencia artificial e, entre outras cuestións, da automatización dos contidos.

Despois deste marco xeral, pecha a sesión unha mesa redonda, que centra o foco en Galicia. O director de innovación da Televisión de Galicia, Xosé Pereira, modera unha sesión en que participan María Yáñez, xornalista especialista en estratexias nas redes; Marcus Fernández, webmaster de Código Cero; e Rubén Bastón, Customer Happiness e director de Elogia.

Outras noticias que te poden interesar: