A vindeira xornada dos Encontros co Patrimonio Cultural pon os ollos na Panificadora de Vigo, un edificio que foi obxecto de debate en numerosas ocasións e que foi reclamada a súa rehabilitación por parte dalgúns colectivos cívicos. O complexo ten unha serie de características (situación, magnitude, perda de usos...) que fai máis complexa a súa rehabilitación e que son comúns a outros exemplos de patrimonio industrial. Nesta xornada debateranse as características e o proxecto de recuperación que figuran na proposta seleccionada nun concurso de ideas convocado polo concello de Vigo en 2017. Unha proposta que defenderán os seus autores: Jorge Salgado Cortizas e Celso López Martín.
O programa conta coa presenza do historiador Francisco Pérez Fernández, autor do volume “Arquitectura industrial en Vigo (1898-1939)”, que analiza este edificio no seu contexto. Canda el participa a concelleira delegada da Área de Urbanismo do Concello de Vigo, María José Caride, que falará da conservación, rehabilitación, posta en valor e dotación de usos públicos da Panificadora. A cita remata cun debate-coloquio no que participan todos os asistentes.