NOTICIA

----

O Consello da Cultura presenta mañá en Ourense a publicación “Ofrenda lírica á nena Silvia Santiago Conde”

O sete de setembro de 1960, a nena Silvia Santiago Conde facía a primeira comuñón na Coruña. Seu pai, o escritor e empresario Silvio Santiago, convocou amigos, poetas e escritores galegos a participaren nunha “Ofrenda lírica” en forma de libro e celebraren, así, o acontecemento. O Consello da Cultura Galega (CCG) deulle forma de publicación a este particular agasallo e preséntase mañá venres, ás 20:00 horas, no liceo de Ourense. Alí estarán presentes Ramón Villares, presidente do CCG, xunto con Alfonso Vázquez-Monxardín e Patricia Arias. O acto contará coa presenza de José Luis Fernández Carnicero, que interpretará varias pezas musicais.

Camilo José Cela, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Xosé Luis Franco Grande, Ramón Piñeiro, Méndez Ferrín... así ata dezasete autores de primeiro nivel pertencentes a varias xeracións quixeron responder á petición feita por este emigrante de Vilardevós. É o contido que inclúe este particular agallaso que agora toma forma de libro facsímile xunto cunha contextualización, transcrición e estudo. A publicación poderase descargar a partir da mañá no web do Consello da Cultura Galega.