NOTICIA

----

Os dereitos de autor centran mañá a actividade do Consello da Cultura Galega

O noso contexto tecnolóxico transformou o noso xeito de crear e compartir os contidos. As normas que regulan a propiedade intelectual víronse na necesidade de se adaptaren ao novo escenario. Sobre o ámbito normativo e de cara a ofrecer ferramentas de carácter práctico coas que afrontar a nova realidade, o Consello da Cultura Galega organiza a xornada "Dereitos de autor, lei aplicable e percepción social". A cita conta con todas as prazas cubertas pero poderá seguirse en directo a través do sitio web da institución.

A xornada ten un marcado carácter pedagóxico, por iso o programa comeza coa participación dun experto en actividades formativos e de investigación no uso didáctico dos medios de comunicación como é José Ignacio Aguaded, profesor da Universidad de Huelva. Nesta ocasión ofrecerá un relatorio que se titula "Sobrecargas de información, propiedade intelectual e edu-comunicación".
Os aspectos xurídicos vainos abordar Javier Díaz Noci, doutor en Dereito e en Xeografía e Historia e catedrático de Comunicación da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, que falará de dereitos de autor e propiedade intelectual.
Raquel Xalabarder Plantadam é catedrática de Propiedade Intelectual na Universitat Oberta de Catalunya e unha experta en materia de propiedade intelectual, dereito internacional privado e dereito de Internet. Será a encargada de pechar a xornada cun relatorio titulado “Dereitos de autor: lei aplicable e xurisdición competente na era dixital”.
A xornada terá lugar en horario de mañá (10:00 a 14:30 horas) e poderase seguir en directo desde o sitio web da institución.