----

O Consello da Cultura Galega leva á Coruña a exposición “A intimidade da imaxe”

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello da Coruña inauguran mañá ás 19:30 horas no Kiosco Alfonso “A intimidade da imaxe”, a exposición que revisa a Galicia da transición a través das fotografías de Anna Turbau (Barcelona, 1949). A mostra, que se poderá ver ata o 1 de abril, contará coa presenta de Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega; o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, Xosé Manuel Sande; a comisaria da mostra, Margarita Ledo, e a fotógrafa catalá, Anna Turbau. Na exposición exhíbense un centenar de imaxes retratan os conflitos sociais, políticos e humanos cos que a fotógrafa se atopou a finais dos anos setenta.

A intimidade da imaxe peneira no arquivo fotográfico de Anna Turbau para ofrecer un centenar de imaxes clasificadas en nove bloques temáticos: O rostro que te mira, Luz no alén, A atmosfera e o signo, O vestixio e a fuxida, A ollada que manca, A imaxe que libera, A festa como síntoma, Fóra de campo e Paisaxe interior. A mostra permite recoñecer unha dobre visión. Dunha banda, unha Galicia rural de gran riqueza visual e compositiva que emerxe a través da ollada desta fotógrafa que investigou coa súa cámara a realidade rural, as festas e romarías, o traballo das mariscadores ou o universo das curandeiras. Da outra, deu visibilidade a unha serie de problemáticas e reivindicacións populares, desde as mobilizacións contra as obras da autoestrada do Atlántico, as manifestacións sobre a situación das empresas navais, os debates sobre a autonomía e as vontades nacionalistas, que lle ocasionaron, en máis dunha ocasión, problemas coa policía.
Planos medios, planos abertos e encadres arriscados permiten coñecer unha Galicia íntima, moi personalizada nas figuras das mulleres, protagonistas absolutas da súa cámara. A exposición, comisariada por Margarita Ledo, conta con varios niveis de lectura, a través das cores dos marcos, dos tamaños e dos nove bloques temáticos que ofrecen un discurso profundo do que foi Galicia na transición. Ademais, na mostra pódense ver ideas recorrentes no traballo de Turbau como son a cama, as olladas ou as mans, que ofrecen unha mirada moi persoal e humanizada que caracteriza a fotografía de Anna Turbau. A exposición chega agora á Coruña despois de estar en Santiago, no Pazo de Fonseca entre o 19 de outubro e o 16 de xaneiro.

Anna Turbau e Galicia
Anna Turbau chegou a Galicia no ano 1975 para retratar unha serie de vivendas para familias xitanas construídas en Poio por César Portela e Pascuala Campos. Ao pouco decidiu instalarse en Santiago e, como colaboradora independente da revista “Interviu” e “Primera Plana”, retratou os movementos populares que emerxían con forza en Galicia. Nese momento estaba a construción da autoestrada, que xerou un gran conflito social e que engaiolou a unha fotoxornalista que decidiu fixar a súa residencia no noso país ata que comezou a ter problemas coa policía para facer o seu traballo. Durante a súa estadía en Galicia, que se estende ata 1979, Turbau fixo preto de dez mil fotografías. Un arquivo que cedeu ao Consello da Cultura Galega e que encaixa co mandato institucional de preservar o patrimonio cultural galego. Desa cesión sae esta exposición e unha publicación homónima que verá a luz o vindeiro mes de novembro. O libro está editado por Natalia Poncela e exhibirá arredor dunhas 500 imaxes.

Anna Turbau
Estudou deseño gráfico en Barcelona, na escola Massana (Centre d’Art i Disseny) e na ELISAVA (Escola Universitària de Disseny i Enginyeria de Barcelona). O seu primeiro contacto coa fotografía chegoulle en 1975, cando recibiu o encargo de facer unha serie de fotografías na Ciutat Vella de Barcelona e descobre unha cidade marxinal e oculta. Esta experiencia foi decisiva na súa escolla da fotografía como medio expresivo e na súa procura de visibilizar o invisible. Ese mesmo ano entra en contacto con Galicia, onde fixou a súa residencia e traballou como fotoxornalista nun contexto maiormente masculino e no que destacou cun traballo moi persoal, respectuoso e incisivo. A presión policial obrigouna a marchar en 1979. Regresa a unha Barcelona onde comeza a traballar na revista “Actual” e en 1984 na realización televisiva, eido en que se especializou en programación educativa e cultural. Foi profesora de fotoxornalismo na Escola Internacional de Fotografia Grisart de Barcelona.
Na actualidade vive entre Calatañazor (Soria) e Barcelona, e continúa a traballar en series fotográficas como Mujer y silencio (2009) e na súa última obra: a documentación fotográfica da exhumación dos fusilados de guerra en Calatañazor (2017).