----

A recuperación do edificio da Panificadora de Vigo centra mañá unha xornada no Consello da Cultura

Está situado nun espazo urbano privilexiado, ten un gran número de elementos que conservar, de aí a dificultade da súa preservación íntegra; a perda de funcionalidade.... son moitos os factores que converten a rehabilitación da Panificadora de Vigo nun grande reto. Dos criterios de conservación, das características de edificio, entre outras cuestións, falarase mañá martes nunha nova edición dos Encontros co Patrimonio do Consello da Cultura Galega (CCG). A cita poderase seguir en directo a través do web da institución.

A edición número 17 dos Encontros co Patrimonio Cultural poñen o foco nun edificio moi singular como é a Panificadora de Vigo. Un gran espazo en desuso, un lugar privilexiado e a dificultade da súa conservación marcaron este complexo que o concello pretende recuperar. En 2017 convocou un concurso de ideas e os autores da proposta seleccionada, Jorge Salgado Cortizas e Celso López Martín, estarán aquí no CCG para explicar as súas características. Será a últimas das intervencións fixadas nun programa que abren Rebeca Blanco-Rotea, arqueóloga e coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, xunto con Teresa Nieto, arquitecta e membro da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG.

Sobre a panificadora, pero analizado desde o punto de vista da arquitectura industrial viguesa falará o historiador Francisco Pérez Fernández. É autor un volume “Autor de Arquitectura Industrial en Vigo (1898-1939)”.

María José Caride Estévez, concelleira delegada da Área de Urbanismo do Concello de Vigo, ofrecerá un relatorio titulado “Camiñando cara á conservación, rehabilitación, posta en valor e dotación de usos públicos da Panificadora”.