NOTICIA

----

A publicación do Consello da Cultura que revisa o legado de Anna Turbau sobre Galicia é finalista dos premios do libro

“Anna Turbau. Galicia, 1975-1979” é unha publicación que recolle unha parte significativa do legado que a fotógrafa Anna Turbau (Barcelona, 1949) cedeu ao Consello da Cultura Galega. A publicación, editada por Natalia Poncela, é finalista da III Gala do Libro Galego na categoría de mellor iniciativa bibliográfica. Os gañadores saberanse na gala que terá lugar o sábado 19 de maio de 2018 no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Canda a publicación do Consello da Cultura, son tamén finalistas a Colección Xerais Básicos Ciencia, a cargo de Edicións Xerais de Galicia; a Colección Biblioteca de Teatro, Chévere de Kalandraka Editora; e “Mulleres bravas da nosa historia” de Urco Editora.
“Anna Turbau. Galicia, 1975-1979” é un libro que responde ao legado que Anna cedeu ao Consello e que suma máis de 10.000 negativos. Un traballo de edición fiel ao arquivo da fototógrafa catalá xa que existe unha correlación entre o espazo que ocupan na publicación e o número de negativos que hai no arquivo. Ademais das fotografías, a publicación conta con catro textos que permiten contextualizar a obra e a autora. Margarita Ledo achega unha lectura que reflicte o seu propósito comisarial e o seu encontro con Anna neses anos. O texto de Emilio Grandío ten un punto de vista histórico de revisión da transición. O de Cristina Zelich enmarca a obra de Turbau no contexto da fotografía dos anos sesenta, mentres que o de Rebeca Pardo fai unha análise complementaria de toda a obra da fotógrafa catalá.
A publicación é tamén o primeiro traballo de compilación e documentación que se fixo sobre o legado desta fotógrafa. O libro, que ten un prezo de venda público de 30 euros, está editado en galego e ten versión en español e inglés.

Anna Turbau
Estudou deseño gráfico en Barcelona, na escola Massana (Centre d’Art i Disseny) e na ELISAVA (Escola Universitària de Disseny i Enginyeria de Barcelona). O seu primeiro contacto coa fotografía chegoulle en 1975, cando recibiu o encargo de facer unha serie de fotografías na Ciutat Vella de Barcelona e descobre unha cidade marxinal e oculta. Esta experiencia foi decisiva na súa escolla da fotografía como medio expresivo e na súa procura de visibilizar o invisible. Ese mesmo ano entra en contacto con Galicia, onde fixou a súa residencia e traballou como fotoxornalista nun contexto maiormente masculino e no que destacou cun traballo moi persoal, respectuoso e incisivo. A presión policial obrigouna a marchar en 1979. Regresa a unha Barcelona onde comeza a traballar na revista “Actual” e en 1984 na realización televisiva, eido en que se especializou en programación educativa e cultural. Foi profesora de fotoxornalismo na Escola Internacional de Fotografia Grisart de Barcelona.
Na actualidade vive entre Calatañazor (Soria) e Barcelona, e continúa a traballar en series fotográficas como Mujer y silencio (2009) e na súa última obra: a documentación fotográfica da exhumación dos fusilados de guerra en Calatañazor (2017).