----

O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura recuperan os alalás na sexta edición de “No bico un cantar”

A biblioteca do Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu hoxe a presentación da sexta edición do programa lúdico-musical “No bico un cantar”. Unha iniciativa do Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura, coa colaboración do Concello de Betanzos nesta edición, que xunta poesía e mocidade. Alí estaban presentes Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; María Barral, concelleira de Cultura de Betanzos, e Maximino Zumalave. A proposta mantén o formato de concerto coral formado por voces procedentes de toda Galicia, pero inclúe unha novidade, xa que escolle unha temática de tradición popular no canto de figuras da literatura galega. O vindeiro 1 de xuño cantaranse en Betanzos os alalás das Mariñas, Muxía e Camariñas e haberá tamén oco para a estrea do "Alalá á vella maneira", de Manuel Rivas. Esta obra constitúe un pequeno fito na traxectoria deste programa xa que é a primeira vez que se pon música á obra dun autor vivo.

O certame musical “No bico un cantar” é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que este ano se celebra o vindeiro 1 de xuño (o programa ten lugar cada primeiro venres dese mes) en Betanzos. “Unha actividade complexa, con moitos detalles de organización, que comezou en 2013 cantando a Rosalía de Castro” explicaba Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, na presentación. Ata Betanzos desprazaranse estudantes dos conservatorios profesionais das sete cidades de Galicia, aos que se sumarán os doutras escolas de música da comarca, para iniciar unha xornada de convivencia que arrinca co ensaio da mañá e que remata co concerto pola tarde que terá lugar na igrexa de San Francisco.
O pianista e director Maximino Zumalave repite como responsable artístico deste proxecto, que xuntará un singular coro formado por preto de cincocentos nenos e nenas. Na rolda, Zumalave destacou a escolla deste ano, os alalás, dos que dixo “son as melodías máis fermosas do patrimonio musical galego”. Canda el, tamén repite o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba), ao que se incorpora un músico para conformar un sexteto.

Os alalás
Esta edición do concerto de "No bico un cantar" escolle os alalás, un tipo de canto popular que carece dunha definición estrita e que ten unha gran presenza na nosa tradición musical. Caracterízase por ser unha peza de canto libre, sen estrutura fixa, que tivo moita forza na tradición galeguista como canto melancólico do serán vencellado en moitos casos á xente moza. Este ano cantaranse os alalás das Mariñas, Muxía e Camariñas. O programa rematará coa interpretación do “Maio longo”, de Rosalía de Castro, convertido en todo un referente deste certame.

A estrea
Ademais, e seguindo coa liña habitual de cada ano, estrearase unha peza, que neste caso será o “Alalá á vella maneira”, con letra de Manuel Rivas e música da compositora Teresa Bretal Martínez. É a primeira ocasión en que neste certame se musica a obra dun autor vivo.

Manuel Rivas (A Coruña, 1957) é escritor e xornalista. A súa obra, escrita en galego, está traducida a máis de vinte linguas e publicada polas máis prestixiosas editoras literarias do mundo. Como narrador ten publicados máis dunha de ducia de libros, entre os que destacan “Que me queres, amor?” (1996), “O lapis do carpinteiro” (1998) ou ''O último día de Terranova'' (2015). Reuniu todos os seus contos no volume “O máis estraño” (2011). Tamén é autor dunha extensa obra xornalística con algunha incursión no ámbito poético en lingua galega.

A compositora Teresa Bretal Martínez naceu na Pobra do Caramiñal en 1984. Combina o seu traballo como docente no Conservatorio de Música de Ribeira con outras facetas, como a da composición e a da investigación. Forma parte do grupo de investigación ELICIN (ELYCE-LITERACINE), do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura da Universidade de Vigo.

No bico un cantar
Unha frase de Curros Enríquez a Rosalía, No bico un cantar, deulle nome a un proxecto do Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Educación que naceu en 2013 co obxectivo de poñer en valor poetas recoñecidos da nosa terra, pero desde un punto de vista musical. Nese ano, cando se cumpría o 150 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de Padrón foi a protagonista dun concerto que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición trasladouse a Celanova, por ser o lugar de nacemento de Curros Enríquez; nesa edición estreouse a versión musical do poema de Curros “Nouturnio” que o CCG lle encargou a Xabier Comesanha. En 2015, a cita trasladouse a Cambados para cantar a Ramón Cabanillas. Un ano despois, en 2016, foron os trobadores medievais da ría de Vigo os protagonistas do concerto que tivo lugar en Cangas. A última edición, de 2017, trasladounos a Mondoñedo, onde os coros infantís cantaron obras dos poetas mindonieneses.