----

A dixitalización, un gran desafío para a cultura galega

A xornada “A cultura dixital en Galicia: viaxe de ida e volta ao Big Data, á verificación e á mobilidade” deitou hoxe no Consello da Cultura Galega unha ollada interdisciplinar sobre os datos masivos ou Big Data que incluíu o punto de vista da investigación, historia, comunicación e enxeñería informática. Os expertos alertan da necesidade de sistemas de verificación que eviten a propagación de bulos xenerados pola sobreabundancia de información e fixeron fincapé na necesidade de construír relatos visualizados en formatos atractivos para os usuarios. No caso concreto da cultura galega advirten que, a pesar da existencia de proxectos voluntaristas e iniciativas que aproveitan boas ferramentas da Rede para lanzar iniciativas de crowdfunding cultural ben interesantes e para se coordinar socialmente, a realidade é que estruturalmente a dixitalización está supoñendo un gran desafío para a cultura galega, máis que un beneficio, debido ao uso de algoritmos das grandes plataformas que tenden a invisibilizar os contidos xerados na nosa lingua.
A dixitalización, un gran desafío para a cultura galega

We are Social publicaba recentemente un informe no que salientaban que xa se sobrepasaron os 4 mil millóns de usuarios de Internet e case 3 millóns douscentos mil empregan as redes no mundo. Como se xestiona esta inxente cantidade de información xerada? Sobre a xestión de datos masivos falouse hoxe no Consello da Cultura Galega dende un punto de vista informático, histórico, investigador e comunicacional. Na sesión de mañá, o catedrático da Universitat de Valencia, Anaclet Pons, indicaba que o Big Data é unha das materias primas fundamentais que existen na actualidade e permite ser facturada pola intelixencia artificial polo que xa non se trata só dun volume cuantitativo, senón dun fenómeno social e cultural con elementos tecnolóxicos, analíticos e mesmo mitolóxicos. Carlos Elías, da Universidad Carlos III de Madrid, abordou os riscos da sobreabundancia de mensaxes, do ruído e alertou da facilidade coa que se propagan os bulos. Ambos sinalan que a predición e a correlación que permiten os datos masivos non implican causalidade, polo que cómpre unha análise rigorosa para non extraer afirmacións erróneas. Xaquín G.V., infografista, e Clara Higuera, Data Scientist da BBC, explicaron como tratan os datos masivos dende o punto de vista informático e da súa visualización para ser contados ao público. Incidiron na necesidade dunha ética dos datos que permita compatibilizar a necesidade de comprender mellor o comportamento dos usuarios co respecto á súa intimidade. Xaquin G.V. falou, ademais, da importancia de que os datos relaten historias que outros medios non poden contar e que consigan formatos atractivos para os usuarios.

Durante a tarde, Jesús Miguel Flores Vivar, director de Internet Media Lab na Universidad Complutense de Madrid alertou da alta presenza de bulos na rede e avogou por procesos de verificación e sistemas para achegar valor engadido aos produtos culturais. Carmen García Mateo –catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo- ofreceu o punto de vista tecnolóxico e analizou as posibilidades e responsabilidades que ofrece o Big Data, a automatización e a intelixencia artificial. A xornada concluíu coa posta en común das realidades e desafíos que ofrece a cultura dixital en Galicia da man de María Yáñez, especialista en estratexias nas redes; Marcus Fernández, webmaster de Código Cero e Rubén Bastón, Customer Happiness Director de Elogia.