----

O espello de deportistas de elite e do persoal adestrador é fundamental para a valorización da lingua

O espello de deportistas de elite e do persoal adestrador é fundamental para manter o afecto da rapazada pola lingua e promover o seu uso como algo propio que os identifica. Así se puxo de manifesto nos XX Encontros para a Normalización Lingüística, que tiveron lugar os días 12 e 13 de abril no Consello da Cultura Galega e que abordaron a presenza da lingua galega nos múltiples ámbitos que abrangue o eido deportivo: profesional, afeccionado, tradicional, administrativo, educativo e comunicativo. Ademais, no transcurso das xornadas presentouse o vídeo O deporte galego fala galego, dezaoito deportistas de alta competición explican como o uso do galego lles facilita a comunicación nos países do ámbito lusófono, a creación do vínculo coa afección e coas cores dos clubes, seren referentes de xente moza e o fomento do sentimento identitario.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
O espello de deportistas de elite e do persoal adestrador é fundamental para a valorización da lingua

A importancia do deporte como algo que estimula e axuda a consolidar unha identidade comunitaria foi unha das ideas do profesor da UDC Héctor Pose vertidas na primeira sesión que subxaceu a todas as sesións dos XX Encontros para a Normalización Lingüística, que se abriron cunha mesa redonda na que participaron o xornalista deportivo, Sergio Delpont; o porteiro do RC Celta de Vigo, Sergio Álvarez; o campión de squash, Borja Golán; o ciclista Ezequiel Mosquera e a taekwondista Mercé Barrientos.
As xornadas abordaron dun xeito multidisciplinar a práctica deportiva e procuraron resposta á pregunta de se o deporte galego fala galego. A resposta ofreceu claros e escuros. Así, para Rosario Álvarez, coordinadora dos Encontros e directora do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, constatouse que existen ámbitos tanto territoriais como de prácticas deportivas en que o galego flúe de xeito natural, non así noutros en que a súa penetración é menor. Ademais, púxose de manifesto a maior implicación no uso da lingua por parte de deportistas que dos clubes, e máis dos clubes que das federacións. No aspecto positivo evidenciouse que que o papel dos deportistas de alta competición e do persoal adestrador resulta fundamental para manter o afecto da rapazada pola lingua e promover o seu uso como algo propio que os identifica. Nese sentido, reclamouse un papel máis proactivo por parte do persoal adestrador xa que, segundo se puxo de manifesto é, ás veces, o ámbito máis reticente ao uso da lingua, mesmo contraria á práctica dos seus equipos directivos. Como outro aspecto negativo, sinalouse que a recollida que ás veces se produce nos medios de comunicación non reflite os usos lingüísticos reais dos seus protagonistas e reclamouse non só unha maior visibilización do galego senón tamén a súa amplificación pola súa capacidade normalizadora.

Deportistas de elite que falan galego
Nos Encontros presentouse a peza audiovisual O deporte galego fala galego en que dezaoito deportistas de alta competición nos achegan á súa realidade lingüística na práctica deportiva. Nel figuran os futbolistas Sergio Álvarez, Rubén Martínez, Álex Bergantiños e Fernando Seoane; o montañeiro Sechu López; o corredor Pedro Nimo, a campioa olímpica de vela Sofía Toro; a futbolista Vero Boquete; o xogador de squash Borja Golán; a patinadora Nadia Iglesias; o adestrador Moncho Fernández; a atleta Ana Peleteiro; a árbitra Cristina Fernández Piñeiro; o xogador de balonmán David Amor; o corredor de rally Sergio Vallejo; a taekwondista Mercé Barrientos; o ciclista Ezequiel Mosquera e o triatleta Pablo da Pena. O vídeo está accesible tanto no web www.consellodacultura.gal como nas canles da institución nas redes sociais.

Por outro lado, os Encontros debullaron o papel a xogar no binomio deporte e lingua da administración, do ensino e da comunicación e botouse unha ollada especial ao deporte de base tradicional da man de Manuela Places, Moisés Iglesias e Mario Rodríguez, representantes de colectivos vinculados ao remo, á loita e aos xogos tradicionais. Estes incidiron no valor do xogo tradicional como práctica de inmersión cultural e lingüística. Nas diversas mesas participaron Miguel Angel López Sieiro, subdirector xeral de plans e programas da Secretaría Xeral para o Deporte; Roberto Rey Martínez, alcalde de Frades; Mila Alonso, responsable de comunicación das federacións de balonmán, tríatlon e taekwondo; José Carlos Bastos, xefe de prensa da Fundación Celta de Vigo; Óscar Losada, editor de O Dez e Zona Press e os ensinantes Diego Rojo, Anxo Gómez García, Antonio Ferrer Moreira e Ana Rey Cao.

Conmemoración do XX aniversario
A tarde do venres estivo dedicada á conmemoración do XX aniversario dos encontros coa presenza de Henrique Monteagudo e Rosario Álvarez, o promotor dos primeiros encontros e a actual directora do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. Logo participaron nunha mesa de memoria Tina Formoso, Mercedes Penoucos, Olga Iglesias, Manuel Bermúdez e Nel Vidal, profesionais do ámbito da normalización lingüística e asistentes habituais aos encontros ao longo destas dúas décadas. Para rematar, o actor Federico Pérez realizou unha intervención que deixou ao público Fóra de xogo.

Crear contextos e Artesa 2018
Os XX Encontros destinaron un espazo propio á presentación e difusión de iniciativas e experiencias normalizadoras, tanto no programa presencial (Crear contextos) cos obradoiros formativos de Xandobela como na Artesa 2018, unha mostra de recursos normalizadores e unha liña do tempo cun percorrido fotográfico polas vinte edicións. Os contidos íntegros dos encontros poderán ser consultados na mediateca web da institución.

Outras noticias que te poden interesar: