----

Un informe do CCG analiza a crise do libro en galego

Menos títulos, menos tiraxe, menos editoriais e menos axudas institucionais para o libro galego no período 2006-2016.
Así se desprende do Informe sobre datos da edición en Galicia 2006-2016 do Observatorio da Cultura Galega, presentado na xornada A lei do libro 2006 a debate que tivo lugar hoxe, xoves, 19 de abril de 2018 no Consello da Cultura Galega. Co gallo do Día Mundial do Libro que se celebra o 23 de abril, a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) organizou un encontro cos principais axentes do sector do libro en que se analizou a xénese da vixente lei, a súa implantación e posibilidades de actualización debido aos cambios producidos no sector dende a súa aprobación hai máis dunha década.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
Un informe do CCG analiza a crise do libro en galego

Segundo indica o Informe sobre Datos da edición en Galicia 2006-2016 a evolución global da cifra de libros publicados en galego ofrece unha caída dun 52,4% de libros inscritos entre 2010 e 2016. Os datos permiten concluír que un 50,7% do total de libros inscritos en ISBN en Galicia en 2016 foron publicados en galego. Esta cifra supón unha diferenza de 10,8 puntos porcentuais con respecto á do ano anterior, no que un 61,5% do total de libros inscritos no ISBN en Galicia foron publicados en galego. A produción de exemplares experimenta un recorte moi importante. Entre o punto de maior produción en 2011 e o 2016 reduciuse a produción nun 47%, o que supón 1,5 millóns de exemplares menos. Como consecuencia, as tiraxes medias tamén descenderon. No caso do consumo, o gasto en libros non de texto realizado polos fogares galegos na década 2006-2016 experimentou un decrecemento do 54,5%, o que supón case 47 millóns de euros menos.

Gasto público

As políticas de gasto público non contribúen a mellorar esta situación xa que os rozamentos dos principais programas de fomento do libro e da lectura sobren un gran recorte na última década, cun descenso que se sitúa por riba do 50%. Os datos tiveron como fonte o INE, a Estadística de la Edición Española de libros con ISBN, a Federación de Gremios de Editores de España, Sistema de Análisis de Balances Ibéricos e a Xunta de Galicia.
Estes datos serviron de pano de fondo nun encontro en que tamén se procedeu á análise da xénese da lei 2006 e cuestións de tipo conxuntural, legais e técnicas da man de Xavier Senín, Cristina Novoa, Carlos Amoedo.


Imaxe da xornada de tarde

Pola tarde, unha ampla mesa de debate intersectorial dirixida por Marcos Lorenzo permite coñecer a opinión dos diferentes ámbitos implicados. O punto de vista institucional e administrativo está representado por José Daniel Buján (xefe de servizo da Biblioteca de Galicia), Susana Castro Barral (subdirectora xeral de centros) e Dolores Tobío Barreira (xefa do Servizo de Libro e Publicacións da Xunta de Galicia). Pola súa banda, o ámbito profesional corre a cargo de Xosé Ballesteros (Asociación Galega de Editoras), Mercedes Queixas (Asociación Galega de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e Pilar Rodríguez (Federación de Librarías).

Descarga o informe


Outras noticias que te poden interesar: