----

O CCG publica unha edición conmemorativa do primeiro libro en galego de María Victoria Moreno

O Consello da Cultura Galega presentou esta mañá a edición facsímile non venal de Mar Adiante. Historias de nenos pra nenos, publicado orixinalmente por Ediciós do Castro en 1973. Trátase do primeiro libro en lingua galega escrito por María Victoria Moreno, a mestra e escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018. No acto participaron Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Pedro Ferriol, familiar de María Victoria Moreno, Xesús Alonso Montero e Sara Alonso Pimentel, editores da obra.
O CCG publica unha edición conmemorativa do primeiro libro en galego de María Victoria Moreno

Ramón Villares destacou na introdución da obra a relevancia da escolla da figura de María Victoria Moreno por parte da Real Academia Galega . Villares aludiu á orixe estremeña da escritora e a súa inmersión na lingua e a cultura do país. Villares tamén se referiu a María Victoria Moreno como unha “pioneira da que, tempo andado, se volvería unha das marcas máis fortes da literatura galega, como é a literatura infantil e xuvenil”.

Pola súa banda, Xesús Alonso Montero salientou que este libro é o punto de partida da “galeguidade” da autora, de quen destaco o seu “inmenso” corazón, ao igual que Pedro Ferriol, viúvo de María Victoria Moreno, quen destacou que “o seu achegamento ao galego e a Galicia foi por amor”.

A edición contén unha peza moi singular canda o facsímile do libro e un estudo introdutorio por parte dos editores: trátase do mecanoscrito do conto Crarisca, escrito e ilustrado por María Victoria Moreno e agasallado a Sara Alonso Pimentel cando era unha nena pequena. “Gardei este texto como un tesouro que moi poucas persoas sabían que existira”, sinalou a editora.
A edición facsimilar pode descargarse de balde no web do Consello da Cultura Galega.