----

Pontevedra acolle o Concerto das Letras Galegas en homenaxe a María Victoria Moreno

Esta mañá presentouse en Pontevedra o Concerto das Letras Galegas, que homenaxeará musicalmente a figura de María Victoria Moreno. No acto estiveron presentes Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, Maximino Zumalave, coordinador do evento, Pedro Otero, director xerente de Afundación e Maria del Carmen Fernández Penas, directora territorial de Abanca. O concerto celebrarase o 16 de maio de 2018 ás 21:00 no auditorio da sede Afundación de Pontevedra. O evento conta coa colaboración de Afundación, Abanca e o concello de Pontevedra.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
Pontevedra acolle o Concerto das Letras Galegas en homenaxe a María Victoria Moreno

Pontevedra acollerá este mércores 16 de maio o Concerto das Letras Galegas en homenaxe á escritora e mestra María Victoria Moreno, o evento de celebración que con carácter anual o Consello da Cultura Galega organiza previamente ao Día das Letras Galegas.

Baixo a dirección de Maximino Zumalave, a Real Filharmonía de Galicia, a soprano Anaís G. Fernández Cerneira e os coros Sólo Voces, Collegium Compostellanum e Coro de Cámara Rías Baixas interpretarán un repertorio de marcada raíz galega e literaria. O concertó comezará coa Alborada galega (Pascual Veiga / Francisco María de la Iglesia) e a Dolora Sinfónica, de Gregorio Baudot.

Literatura e música
O Concerto das Letras Galegas ten unha destacada componente de festa literaria. Desta volta, os asistentes poderán disfrutar coa estrea absoluta da composición Duns folios que foron brancos, de Miguel Matamoro, inspirada nun texto de María Victoria Moreno. Tamén se fará unha homenaxe á poesía galega, musicando textos de Valle Inclán, Álvaro Cunqueiro, Sancho I, Ramón Cabanillas ou Leandro Carré Alvarellos.

Entrada libre e gratuíta
A entrada ao concerto é libre e gratuíta, previa inscrición en Ataquilla.com. As entradas poden presentarse no móbil, imprimilas ou ben retiralas no despacho de billetes da sede Afundación de Pontevedra con anterioridade ou no propio día do concerto.