----

Máis de cen intérpretes puxeron música ás letras galegas en Pontevedra

Cheo absoluto na celebración do Concerto das Letras Galegas, celebrado esta noite no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra e organizado polo Consello da Cultura galega. Cento doce intérpretes entre solistas, coros e membros da Real Filharmonía puxeron música a un repertorio que contou con estreas absolutas de pezas e moita música inspirada na literatura.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
Máis de cen intérpretes puxeron música ás letras galegas en Pontevedra

A Alborada galega de Pascual Veiga e Francisco María de la Iglesia abriu a sexta edición do Concerto das Letras Galegas, un repaso literario pola música galega que contou coa estrea da peza Duns folios que foron brancos, composta por Miguel Matamoro, elaborada a partir de varios versos de María Victoria Moreno que figuran no libro póstumo Elexías de Luz. Baixo a dirección de Maximino Zumalave, os asistentes puideron escoitar á Real Filharmonía de Galicia, a soprano Anaís G. Fernández Cerneira, o gaiteiro Xosé Vicente Ferreirós e integrantes dos coros Sólo Voces, Collegium Compostellanum e Coro de Cámara Rías Baixas, sumando máis dun cento de intérpretes.



Pontevedra acolleu hoxe por terceira vez o Concerto das Letras Galegas, unha iniciativa posta en marcha polo Consello da Cultura Galega en 2013 para celebrar o Día das Letras Galegas a través da cultura galega, sempre na localidade con maior vinculación coa figura homenaxeada neste día. Neste caso, a especial relación persoal e profesional de María Victoria Moreno con Pontevedra fixo que a cidade do Lérez fora escollida como sede deste concerto. O evento contou coa colaboración do concello de Pontevedra, Afundación e Abanca.

Literatura e música
O programa musical do concerto tamén inclúe tamén a Dolora sinfónica de Gregorio Baudot e unha escolma de Cancións xacobeas. Homenaxe á poesía galegado compositor Antón García Abril, que conta con textos de Ramón María del Valle Inclán, Álvaro Cunqueiro, Afonso X o Sabio ou Ramón Cabanillas. A inclusión no programa dunha selección de Tres estampas galegas, a obra escrita por Leandro Carré Alvarellos e musicada polo autor valisoletano Mauricio Farto, revela o interese que a temática galega suscitou entre os grandes compositores.

A asistencia ao Concerto das Letras Galegas foi libre e gratuíta, previa retirada das entradas. As entradas esgotáronse días antes da celebración.