NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega dixitalizará o epistolario de Camilo José Cela cos escritores galegos

Nomes coma os de Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Celso Emilio Ferreiro, Torrente Ballester, Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas, Lino Novás ou Uxío Novoneyra figuran nos arquivos da ampla correspondencia que Camilo José Cela mantivo con intelectuais de Galicia. É parte do epistolario persoal do Premio Nobel, gardada na Fundación Camilo José Cela, que o Consello da Cultura Galega dixitalizará e difundirá en virtude dun convenio asinado hoxe en Iria Flavia.
O Consello da Cultura Galega dixitalizará o epistolario de Camilo José Cela cos escritores galegos

O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, asinaron hoxe na sede da Fundación pública galega Camilo José Cela en Iria Flavia un protocolo de colaboración para a dixitalización do fondo epistolar do escritor padronés relativo á súa correspondencia con intelectuais galegos.

A correspondencia de Cela reflicte o seu contacto e intercambio con boa parte dos autores máis significados da cultura do país na segunda metade do século XX. O protocolo de colaboración especifica e a súa difusión pública a través dos Epistolarios, un dos produtos de consulta documental que ofrece o Consello da Cultura Galega no seu web.

Os epistolarios
Os Epistolarios, dispoñibles no enderezo web epistolarios.consellodacultura.gal, son un sistema de consulta e visualización de fondos documentais de grandes persoeiros da cultura galega, permitindo ademais a interpretación e a comprensión non só dos documentos, senón do contexto, as alusións e as referencias de cada unha das cartas. Este traballo de contextualización biográfica e documental da correspondencia será tamén aplicado no caso do fondo epistolar de Camilo José Cela. Ata o momento, os Epistolarios hospedan fondos de Rosalía de Castro, Ramón Piñeiro ou de Luís Seoane (con máis de 1600 documentos).