Segundo afirmou Ramón Villares no discurso inicial, as Medallas de Honra do Consello da Cultura Galega foron creadas para fortalecer e recoñecer a importancia que a diplomacia cultural e a acción exterior ten para o futuro da cultura galega, e recoñecer así mesmo o importante peso da diáspora na conformación da imaxe da Galicia contemporánea. Villares explicou que o Consello poderá conceder un máximo de dous galardóns por ano . A concesión das medallas non inclúe dotación económica.
Francisco Lores Mascato, máis coñecido como Paco Lores, foi secretario xeral da Federación de Sociedades Galegas e un decisivo impulsor do Museo da Emigración Galega, creado en Buenos Aires en 2005. María Xosé Porteiro, membro do Plenario do Consello da Cultura Galega, foi a encargada de presentalo. Paco Lores faleceu en 2017 e foi a súa filla Lorena Lores a encargada de recoller o premio, concedido a título póstumo para o ano 2017.
Pablo Figueroa Dorrego, diplomático, tivo un destacado papel como promotor da cultura galega desde o seu posto de conselleiro laboral na Embaixada española no Brasil, e colaborou coa institución na visibilización da lingua do país no ámbito cultural lusófono. O diplomático foi presentado por Maximino Zumalave, exvicepresidente do Consello da Cultura Galega.
Ana Paula Laborinho, profesora da Universidade de Lisboa, foi Presidente do Instituto Camões e actual directora en Portugal da Organización de Estados Iberoamericanos para a Educação, Ciência e Cultura (OEI). Laborinho apoiou decisivamente a entrada do Consello da Cultura Galega como observador na Comunidade dos Países en Lingua Portuguesa (CPLP), creando espazos para a cultura e lingua galegas no ámbito da lusofonía. Laborinho foi presentada por Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega.
O acto contou coa música do pianista Brais González e foi mantido por Dolores Vilavedra, secretaria do Consello da Cultura Galega.