NOTICIA

----

As primeiras Medallas de Honra do CCG celebran o traballo da diáspora e a acción cultural galega no exterior

Nun emotivo acto celebrado no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, entregáronse hoxe pola mañá as primeiras Medallas de Honra do Consello da Cultura Galega. Os galardoados foron Pablo Figueroa Dorrego, Ana Paula Leborinho e, a título póstumo, Francisco Lores Mascato. As medallas foron entregadas por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia e Alberto Núñez Feijóo, presidente de honra do Consello da Cultura Galega e da Xunta de Galicia.
As primeiras Medallas de Honra do CCG celebran o traballo da diáspora e a acción cultural galega no exterior

Segundo afirmou Ramón Villares no discurso inicial, as Medallas de Honra do Consello da Cultura Galega foron creadas para fortalecer e recoñecer a importancia que a diplomacia cultural e a acción exterior ten para o futuro da cultura galega, e recoñecer así mesmo o importante peso da diáspora na conformación da imaxe da Galicia contemporánea. Villares explicou que o Consello poderá conceder un máximo de dous galardóns por ano . A concesión das medallas non inclúe dotación económica.

Francisco Lores Mascato, máis coñecido como Paco Lores, foi secretario xeral da Federación de Sociedades Galegas e un decisivo impulsor do Museo da Emigración Galega, creado en Buenos Aires en 2005. María Xosé Porteiro, membro do Plenario do Consello da Cultura Galega, foi a encargada de presentalo. Paco Lores faleceu en 2017 e foi a súa filla Lorena Lores a encargada de recoller o premio, concedido a título póstumo para o ano 2017.

Pablo Figueroa Dorrego, diplomático, tivo un destacado papel como promotor da cultura galega desde o seu posto de conselleiro laboral na Embaixada española no Brasil, e colaborou coa institución na visibilización da lingua do país no ámbito cultural lusófono. O diplomático foi presentado por Maximino Zumalave, exvicepresidente do Consello da Cultura Galega.

Ana Paula Laborinho, profesora da Universidade de Lisboa, foi Presidente do Instituto Camões e actual directora en Portugal da Organización de Estados Iberoamericanos para a Educação, Ciência e Cultura (OEI). Laborinho apoiou decisivamente a entrada do Consello da Cultura Galega como observador na Comunidade dos Países en Lingua Portuguesa (CPLP), creando espazos para a cultura e lingua galegas no ámbito da lusofonía. Laborinho foi presentada por Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega.

O acto contou coa música do pianista Brais González e foi mantido por Dolores Vilavedra, secretaria do Consello da Cultura Galega.