----

A iniciativa do Consello da Cultura Galega No bico un cantar leva os alalás á vila de Betanzos

A igrexa de San Francisco de Betanzos acolleu un gran concerto de máis de 350 nenas e nenos chegados dos conservatorios profesionais e escolas de música de toda Galicia para cantaren os alalás na sexta edición da iniciativa “No bico un cantar”. Esta cita anual, cun marcado carácter didáctico e cultural, está organizada polo Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. No acto tomaron a palabra Ramón García Vázquez, alcalde de Betanzos e anfitrión do evento, e os representantes das institucións organizadoras: Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega.
A iniciativa do Consello da Cultura Galega No bico un cantar leva os alalás á vila de Betanzos

Numeroso público encheu a igrexa de San Francisco de Betanzos este venres para gozar do programa musical desta sexta edición de “No bico un cantar”, dirixido por Maximino Zumalave. O repertorio incluíu tres alalás tradicionais e un de nova composición. Se en ocasións anteriores esta iniciativa homenaxeaba algún autor da contorna, neste caso o protagonista foi o alalá, un tipo de canto popular que carece dunha definición estrita e con gran presenza na nosa tradición musical. Caracterízase por ser unha peza de canto libre, sen estrutura fixa, que tivo moita forza na tradición galeguista como canto melancólico do serán vencellado en moitos casos á xente moza. As máis de trescentas nenas e nenos participantes interpretaron os alalás das Mariñas, Muxía e Camariñas. Para finalizar, e seguindo coa liña habitual de cada ano, viviuse a estrea absoluta dunha peza musical creada para a ocasión. Así, en Betanzos escoitouse por vez primeira o “Alalá á vella maneira”, con letra do escritor Manuel Rivas (A Coruña, 1957) e música da compositora Teresa Bretal Martínez (A Pobra do Caramiñal, 1984).



Fragmento da interpretación do Alalá á vella maneira (letra: Manuel Rivas / música: Teresa Bretal) retransmitido en directo por Facebook Live


O recoñecido pianista e director Maximino Zumalave é o responsable artístico deste proxecto que xuntou máis de 350 nenos e nenas chegados de diferentes conservatorios profesionais e escolas de música de toda Galicia. Canda el, tamén repite o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba) ao que se incorpora un músico para conformar un sexteto. As nenas e nenos que participan na actividade pertencen aos CMUS Profesionais da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Culleredo, ao Conservatorio Elemental de Betanzos, ao coro Cantábile e á Escola Municipal de Música da Coruña. Durante a xornada, a rapazada participou no ensaio do concerto no albergue de Gandarío en Bergondo e gozou en Betanzos dun espectáculo de maxia.

Sexta edición
Unha frase Curros Enríquez a Rosalía, No bico un cantar, deulle nome a un proxecto do Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Educación que naceu en 2013 co obxectivo de dar a coñecer a poetas recoñecidos da nosa terra pero desde un punto de vista musical. Nese ano, cando se cumprían o 150 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de Padrón foi a protagonista deste concerto que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición trasladouse a Celanova co canto a Curros Enríquez e viaxou a Cangas en 2016 nos versos dos trobadores medievais, cunha parada na Arousa en 2015 para homenaxear a Ramón Cabanillas en Cambados. O ano pasado a cita levounos a Mondoñedo para cantar os poetas mindonienses. No ano 2019, a iniciativa No bico un cantar trasladarase a Tui.

Ligazóns relacionadas
http://consellodacultura.gal/no-bico-un-cantar/2018/