----

Presentación da campaña “A Cociña Galega con Cunqueiro”

O CCG presenta a campaña “A Cociña Galega con Cunqueiro” para divulgar a literatura cunqueiriana nos restaurantes de Galicia o martes 24 de maio de 2011 ás 19´40 h
Presentación da campaña “A Cociña Galega con Cunqueiro”

A cociña tradicional e innovadora de Galicia, a cociña de estrelas Michelín e os pequenos restaurantes vilegos, participarán por primeira vez nun proxecto conxunto de difusión e homenaxe da gastronomía galega promovido polo Consello da Cultura Galega. A campaña A Cociña Galega con Cunqueiro levará aos restaurantes de Galicia a cociña máis querida polo escritor, enraizada en boa parte no acervo gastronómico tradicional de Galicia. Dez mil exemplares do libro “Na mesa con Cunqueiro. Antoloxía gastronómica e literaria” chegarán aos clientes dos restaurantes de Galicia. O proxecto presentarase mañá, martes, 24 de maio ás 20 horas no auditorio de Novacaixagalicia (Praza de Cervantes) en Santiago de Compostela. Pode consultar máis información e a lista de restaurantes participantes aquí.

Editado polo Consello da Cultura Galega e escrito polo xornalista gastronómico Miguel Vila Pernas o libro é referente dun proxecto de divulgación cultural e gastronómica no que están comprometidos corenta restauradores galegos que, ás 19´40 horas, antes da presentación pública do libro, protagonizarán unha “foto de familia” na Praza de San Agustín ao abeiro da Praza de Abastos en Santiago de Compostela. Os asistentes poderán degustar logo diferentes tapas inspiradas na obra gastronómica de Cunqueiro.

Ata o momento 40 restaurantes de toda Galicia confirmaron a súa participación na campaña. O Consello da Cultura abre a iniciativa á participación doutros restaurantes interesados, ata un máximo de 50. Deberan poñerse en contacto co responsable da campaña no CCG no correo director@culturagalega.org ou no teléfono 981957219.

No acto de presentación do libro e do proxecto intervirán o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, a Secretaria Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo, o autor do libro, Miguel Vila Pernas, e un representante do colectivo de cociñeiros e restauradores.

Ao final do acto, o chef Iago Castrillón, do restaurante Acio, ofrecerá unha degustación de tapas inspiradas na gastronomía real e imaxinaria que aparece nas obras de Cunqueiro.

É a primeira vez que cociñeiros e restauradores galegos se unen nun proxecto común de divulgación gastronómico-cultural, impulsado polo Consello da Cultura Galega e coordinado por Manuel Gago, xornalista, profesor de xornalismo da USC e director do portal www.culturagalega.org

O libro e o proxecto procuran a divulgación da cociña cunqueiriana, de xeito que os restauradores comprometidos incluirán as receitas correspondentes nas súas cartas e agasallarán cun exemplar da obra aos clientes que pidan alomenos un prato baseado nas receitas do autor de “Merlín e familia”. A campaña nos restaurantes vencellados ao proxecto comezará o día 25 de maio.

A iniciativa forma parte do programa de actos organizado e impulsado polo Consello da Cultura Galega para conmemorar o centenario de Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981).



CONVOCATORIA–MEDIOS
FOTO DE FAMILIA E ROLDA DE PRENSA

Martes, 24 de maio de 2011

19´40 horas.- Praza de San Agustín ao abeiro da Praza de Abastos de Santiago de Compostela. Foto de familia cos restauradores.

20 horas.- Auditorio de Novacaixagalicia (Praza de Cervantes). Presentación do libro “Na mesa con Cunqueiro” e degustación de tapas cunqueirianas.