Rosario Álvarez presenta no Parlamento as liñas xerais do seu programa

Rosario Álvarez, presidenta electa do Consello da Cultura Galega, explicou esta mañá na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia as liñas xerais do seu mandato á fronte do Consello da Cultura Galega, con liñas centrais ao redor da acción exterior da institución, a igualdade de oportunidades no acceso á cultura e unha maior imbricación no sistema cultural galego. Esta comparecencia no Parlamento é un paso previo ao seu nomeamento oficial como presidenta do Consello da Cultura Galega
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Rosario Álvarez presentou ás deputadas e deputados as grandes liñas do seu programa como presidenta do Consello da Cultura Galega para os vindeiros catro anos. Álvarez apostou, nunha liña de “continuidade, non continuismo” por “explotar ao máximo a capacidade representativa do CCG, que é unha gran fortaleza”. Neste sentido, Rosario Álvarez sinalou que ademáis do persoal da institución, están vinculadas ao Consello da Cultura Galega 150 figuras representativas da cultura do país en todos os seus ámbitos, o cal a converte nunha institución con gran capacidade para conectar con moitos ámbitos da cultura do país.

Acción exterior cultural galega
A presidenta electa do CCG detallou na comisión as catro liñas que considera relevantes para a acción exterior da institución: a atención á Galicia da emigración e o exilio, traballando non só coas comunidades da diáspora e os seus descendentes, senón tamén “coas sociedades receptoras”, a lusofonía, a dimensión europea da nosa cultura e a posición atlántica de Galicia. A presidenta do CCG destacou que a institución foi asumindo funcións de acción exterior ao longo destes anos, de acordo co previsto na lei de creación do organismo. Animou a desenvolver accións institucionais que formalicen estas iniciativas do CCG para desenvolver unha acción exterior da cultura galega máis vertebrada.

Igualdade na cultura
Rosario Álvarez destacou entre as liñas de traballo a igualdade. “No CCG hai unha preocupación constante pola igualdade de xénero que se aplicou nas renovacións dos últimos anos no Plenario. Esta preocupación pola igualdade tamén se reflectirá na nova Comisión Executiva”, indicou Álvarez. A presidenta electa tamén quixo facer fincapé na igualdade de oportunidades no acceso á cultura “que está condicionada nestes momentos for factores coma o territorio, a idade ou a contraposición rural/urbano”.

Acceso a públicos e sectores
Rosario Álvarez fixo moito fincapé na necesidade de construír novos formatos de contido do CCG destinado a chegar a novos públicos, innovando nos diferentes formatos presenciais e dixitais do CCG. A presidenta electa do CCG destacou, neste sentido, a labor “formativa” que o CCG realiza no seu contacto con diferentes sectores culturais. Álvarez pulou por conseguir unha maior imbricación cos sectores da cultura para coñecer en profundidade as súas problemáticas. Rosario Álvarez destacou a necesidade de cubrir “lagoas no coñecemento de algúns sectores culturais” e avanzou que o CCG continuará na súa liña de elaboración de diagnósticos e informes.