----

O Consello da Cultura Galega dixitaliza o semanario A Nosa Terra

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega e Afonso Eiré, presidente da fundación A Nosa Terra, asinaron hoxe á mañá un acordo para dixitalizar e difundir o fondo histórico de A nosa terra: periódico galego semanal, un dos medios fundamentais para comprender a transición e os inicios da autonomía galega.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
O Consello da Cultura Galega dixitaliza o semanario A Nosa Terra

O acordo entre as dúas entidades prevé a cesión provisional do fondo da Fundación A Nosa Terra para a dixitalización e a súa posta a disposición pública e gratuíta a través do web do Consello da Cultura Galega. O semanario A nosa terra: periódico galego semanal iniciou a súa andaina o dous de decembro de 1977 e rematou en 2011, cubrindo cun estilo xornalístico singular a actualidade política, económica, social e cultural de Galicia a través de contidos de longo alento.

Para Rosario Álvarez, presidenta do CCG, “o noso pasado máis recente é unha parte moi importante do patrimonio cultural. A produción xornalística das últimas décadas e acompañou á Autonomía é un patrimonio que podemos conservar e preservar. Non só para os investigadores actuais senón tamén para xeracións futuras”. Segundo Alfonso Eiré, presidente da Fundación A nosa terra, “o semanario supuxo un xeito novo de facer xornalismo e tratar temas que ata o momento eran marxinais na prensa, coma os sociais, o ecoloxismo, o feminismo, o traballo ou os deportes. Neste periodo se producen moitos cambios sociais e políticos e cuestións que continúan ata hoxe, como a recuperación da memoria histórica”.

Os fondos iranse incorporando gradualmente no web do CCG. Xa están dispoñibles para a súa consulta os primeiros 26 números.
Pódense consultar clickando aquí.