O programa de actividades do Consello da Cultura Galega arrinca mañá xoves co coloquio “Conversas transatlánticas”, unha cita que pretende facer dialogar as literaturas de ambas as dúas beiras do Atlántico. A conversa conta coa participación da arxentina María Rosa Lojo, da cubana Mirta Yáñez e da galega Inma López Silva, presentadas pola xornalista, escritora e membro da Comisión Executiva do CCG, María Xosé Porteiro.
María Rosa Lojo (Bos Aires, 1954) é unha das voces máis notables do ámbito hispanoamericano e na súa ampla e variada obra figuran varios textos en galego, como a novela “A fin da terra” e o “Libro das Seninguais e do único Senigual”, publicadas por Galaxia. Comparte con Mirta Yáñez (Cojímar, A Habana, 1947) a emigración como fonte de inspiración ou como punto de partida dalgún dos seus traballos, así como unha traxectoria dedicada á investigación. Yáñez, referente das letras cubanas é unha creadora de amplo recoñecemento que ten traballado no ámbito do xornalismo, da docencia e como investigadora no eido da literatura feita por mulleres. O contrapunto galego chega da man de Inma López Silva (Santiago, 1978), recoñecida escritora e crítica teatral e frecuente participante en encontros internacionais.
A programación
Despois desta xornada inicial chega o tempo dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que estrean un cambio de formato que leva a etiqueta de in situ. Esta nova xeira de encontros pretende analizar a situación dos conxuntos históricos desde o propio lugar analizado. O primeiro dos encontros trasladarase a Vigo o 25 de setembro para poñer de manifesto a transformación que sufriu o Casco Vello desde o ano 2005. Nesta ocasión, reflexionarán sobre a relación deste espazo co resto da cidade e as transformacións proxectadas na súa contorna.
Un día despois, o 26 de setembro, a sede da institución en Santiago acollerá o congreso “Internacionalización do libro galego”. Unha cita na que colabora a Asociación Galega de Editoras cun dobre obxectivo: dunha banda adquirir información sobre as oportunidades de negocio no exterior a través das principais feiras internacionais e das experiencias de éxito dos gremios e editoras; e, da outra, establecer contactos con destacados representantes das feiras internacionais do libro coa finalidade de iniciar o proceso de internacionalización. Representantes dalgunhas desas feiras profesionais máis importantes, como son a Frankfurt Book Fair ou o Liber, participan neste encontro xunto con empresas e sociedades galegas.
Nesa mesma semana, os días 27 e 28 de setembro, terán lugar as xornadas “Montes, territorios e paisaxe” orientadas ao estudo e debate do protagonismo que están acadando os montes como soporte dun patrimonio variado e como peza fundamental na ordenación do territorio e que continúan unha senda iniciada hai un ano cando se analizaron os montes desde unha perspectiva histórica. O programa de actividades tamén inclúe o terceiro congreso que pecha a revisión do movemento das Irmandades da Fala e que terá lugar en outubro. Nel analizarase o fenómeno do nacionalismo galego na diáspora, con especial atención a Brasil, Arxentina e Uruguai. Todas estas actividades xa teñen abertas a súa inscrición a través do sitio web da institución.