NOTICIA

----

A internacionalización do libro e o papel do monte centran as próximas actividades do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) pecha este mes de setembro con tres actividades que permiten afondar no coñecemento da realidade cultural galega. A primeira delas terá lugar o martes 26 en Vigo, estreando un cambio de formato dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural e que pretende analizar “in situ” diferentes cuestións patrimoniais. O mércores 27 a sede acollerá unha xornada que pretende sentar as bases da internacionalización do libro galego, para dar paso a do xoves, centrada en coñecer o papel dos montes como peza fundamental na ordenación do territorio. Todas as actividades teñen aberto prazo de inscrición que se pode formalizar a través do web da institución.

O programa de actividades da vindeira semana comeza cun cambio na liña de traballo recente na traxectoria dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural. Por primeira vez neste tipo de encontros, a proposta sae da sede institucional en Santiago para reflexionar “in situ” (que lle dá o nome ao programa) sobre a realidade patrimonial. O primeiro dos encontros trasladarase a Vigo, terá lugar o martes 25 na Casa Galega da Cultura, e pretende poñer de manifesto a transformación que sufriu o Casco Vello desde o ano 2005. Nesta ocasión, reflexionarán sobre a relación deste espazo co resto da cidade e as transformacións proxectadas na súa contorna na voz dos responsables do proxecto de rehabilitación e da cidadanía.

Un día despois, o 26 de setembro, a sede da institución en Santiago acollerá o congreso “Internacionalización do libro galego”. Unha cita na que colabora a Asociación Galega de Editoras cun dobre obxectivo: dunha banda adquirir información sobre as oportunidades de negocio no exterior a través das principais feiras internacionais e das experiencias de éxito dos gremios e editoras; da outra, establece contactos con destacados representantes das feiras internacionais do libro coa finalidade de iniciar o proceso de internacionalización. Representantes dalgunhas desas feiras profesionais máis importantes, como son a Frankfurt Book Fair ou o Líber, participan neste encontro xunto con empresas e sociedades galegas.

Nesa mesma semana, os días 27 e 28 de setembro, terán lugar as xornadas “Montes, territorios e paisaxe” orientadas ao estudo e debate do protagonismo que están acadando os montes como soporte dun patrimonio variado e como peza fundamental na ordenación do territorio. Esta xornada, na que participan nomes como Felipe Criado, Iago Seara e Carlos Nárdiz, entre outros. Este encontro continúa unha senda xa transitada hai un ano cando se analizaron os montes desde unha perspectiva histórica.

Avance de outubro
Na primeira semana de outubro celebramos o terceiro congreso que pecha a revisión do movemento das Irmandades da Fala e que coincide co centenario de nacemento e expansión do movemento (1916-1918). Nel analizarase o fenómeno do nacionalismo galego na diáspora, con especial atención a Brasil, Arxentina e Uruguai.

Todas estas actividades xa teñen abertas a súa inscrición a través do sitio web da institución.