O Consello da Cultura Galega analiza mañá en Vigo a rehabilitación do seu casco vello

Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que organiza o Consello da Cultura Galega estrean mañá en Vigo un novo formato: chámase IN SITU e traslada as xornadas de reflexións aos propios espazos que analiza para que poida participar a comunidade local. O primeiro destes encontros analizará a rehabilitación do casco vello vigués e as súas repercusións. Rebeca Blanco Rotea e Teresa Nieto son as coordinadoras deste ciclo que tamén poñerá os ollos en Ferrol, Ribadavia, Ourense, Braga, Guimarães e Santiago. A cita comeza ás catro da tarde na Casa Galega da Cultura.

O primeiro dos encontros “IN SITU. Conxuntos históricos” trasladarase a Vigo mañá para poñer de manifesto a transformación que sufriu o Casco Vello desde o ano 2005. Nesta ocasión, reflexionarán sobre a relación deste espazo co resto da cidade e as transformacións proxectadas na súa contorna.

O programa pivota sobre tres conferencias. Na primeira delas, o arquitecto xefe de Desenvolvemento Urbanístico da Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo, Antonio Alonso Fernández, falará do casco vello no contexto urbano da cidade de Vigo. A segunda pretende achegar a dimensión máis social desa intervención, coa participación do xerente do Consorcio do casco vello, Alfonso Ramos Covelo, quen afondará sobre a rexeneración urbana desta zona nos últimos quince anos. A terceira e última corre a cargo de Manuel Bragado, cun relatorio titulado “A memoria na revitalización do Casco Vello de Vigo”.

IN SITU. Cambio de formato
Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que organiza o Consello da Cultura Galega estrean mañá unha extensión que leva a etiqueta de IN SITU. A coordinadora da sección, Rebeca Blanco Rotea, explica que esta variante dos Encontros xorde por dúas necesidades: “dunha banda porque son temas recorrentes como é o dos conxuntos históricos” e, pola outra, porque “facilitará que a comunidade local, á que lle afecta e lle interesa este tema, poida participar”. A coordinadora da sección insiste no feito de que este tipo de formato pretende analizar certos aspectos desde o punto de vista do patrimonio pero tamén desde a habitabilidade, de espazos nos que vive a cidadanía.

Con IN SITU preténdese abordar diferentes tipos de modelos. O primeiro caso analizará exclusivamente a rehabilitación no casco histórico de Vigo. A segunda das citas pretende ver dous casos illados dunha mesma cidade: o barrio de Ferrol Vello e a Madalena. A cita chega despois a estudar dous cascos históricos de Ourense e Ribadavia, vistos a través de vinte anos de experiencia na xestión patrimonial. Seguirá a análise dos modelos de xestión patrimonial das cidades históricas de Guimarães e de Braga. Este formato pecha en Compostela, cunha reflexión xeral da experiencia da xestión dos conxuntos históricos con varias propostas de futuro.

O patrimonio vigués a debate
Non é a primeira vez que o Consello da Cultura Galega pon o foco sobre o patrimonio vigués. No marco dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural abordouse no mes de abril a situación dun espazo singular como é o da panificadora en Vigo. Daquela, os arquitectos Jorge Salgado Cortizas e Celso López Martín debateron as características e o proxecto de recuperación da proposta gañadora no concurso de ideas convocado polo Concello de Vigo en 2017.

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta xornada insírese nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución, que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. A Sección está coordinada por Rebeca Blanco Rotea e está composta por profesionais como Iago Seara, Carlos Nárdiz, Pegerto Saavedra ou Isidro García Tato.

Outras noticias que te poden interesar: