O traballo constante e a presenza en feiras son claves para a internacionalización do libro galego

Preparación previa, estratexia decidida, un bo produto, un catálogo coherente e, por suposto, moito traballo. Estas son algunhas das claves que os editores galegos deron hoxe no marco dunha xornada sobre a internacionalización do libro galego organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG). Canda eles, os representantes de dúas feiras profesionais como Frankfurt ou Líber explicaron as claves do seu modelo e animaron ao sector a seguir ese camiño. A cita encadrábase no marco dunha liña de traballo do CCG que, segundo indicou a presidenta Rosario Álvarez na inauguración, busca axudar a mellorar a estratexia de difusión da cultura galega.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Kalandraka, Hércules Ediciones e Nova Galicia son tres empresas galegas que comparten unha aposta clara e decidida pola internacionalización, aínda que seguen estratexias diferentes. Representantes de ambas as tres editoras estiveron presentes no marco da xornada “A internacionalización do libro galego” que se desenvolve ao longo do día de hoxe no Consello da Cultura Galega.

Xosé Ballesteros, por parte de Kalandraka, foi o primeiro en poñer sobre a mesa a realidade lingüística da edición, ao apuntar que de cada cen libros que se venden en Galicia, 17 están en galego. No caso específico de Kalandraka, apuntou que de cen libros que vende, “vinte están en lingua galega e oitenta viaxan polo mundo”. Foi a primeira empresa galega en acudir ao Líber cun espazo propio, vendeu libros e dereitos desde o principio e segue unha traxectoria ascendente na internacionalización. Ademais, Ballesteros tamén achegou o seu punto de vista como presidente da Asociación Galega de Editoras e clasificou en tres tipos a realidade galega: as que son delegación doutras editoras; as que poderían exportar pero non lles interesa ou non teñen forza; e “o terceiro grupo que elixiu a internacionalización porque vimos que era posible un novo mercado e negocio ben vendendo libros ou dereitos”. Ademais, incidiu no feito de que “a lingua ten que ser un vehículo de comunicación e non unha fronteira”.

Carlos del Pulgar, de Nova Galicia, explicou a súa experiencia a través de dous sistemas: dunha banda, a asistencia a feiras e, da outra, a través das misións comerciais das Cámaras de Comercio. Para el a clave está en “preparar a prefeira, a feira e a postfeira”.

A realidade galega completouna Laura Rodríguez, de Hércules Ediciones que, cun catálogo moi diversificado e en dous idiomas, conseguiu ir abrindo oco en países como Italia, Francia, Alemaña e Estados Unidos, entre outros. Ademais, para Laura “a definición do produto, ser coherente, ter un catálogo homoxéneo, a confianza, estratexias de produto, o apoio da administración que facilite ferramentas para facer a experiencia máis fácil” son claves para que todo funcione.

As feiras: modelos e pertinencia
As sesións técnicas do encontro comezaron cunha mesa redonda encamiñada a dar voz aos responsables de feiras como a de Frankfurt Book Fair ou Líber, así como unha reflexión dos modelos de feiras e da súa pertinencia. O representante de Líber, Antonio María Ávila, deixou claro na súa intervención que as feiras teñen e deben respectar a súa orixe comercial. “Non se poden converter as feiras do libro en outro tipo de eventos, son cartos e economía”. apuntou. Ávila explicitou varios tipos de feira: as feiras abertas ao público (libreiros e editores ofrecen directamente ao público unha serie de días de encontro, para celebrar tamén mesas redondas de carácter literario); as feiras mixtas, frecuentes en latinoamérica, uns días de feira profesional e logo aberto ao público (é o modelo de Gualajara, Lima, Santiago de chile.... de países onde hai problemas de comercialización e as feiras, por tanto, son encontro permanente co público que normalmente non existe ao longo do ano) e, por último, hai feiras puras e profesionais como Líber, Londres ou Frankfurt.

Ávila tamén destacou os grandes número de Líber, unha feira que destina o 80% do traballo cara o mercado exterior. “Un terzo da exportación española faise en 3 días e aí o público molesta” afirmou. Con todo, tamén lembrou que as feiras do libro son cada vez máis feiras de contidos e “son unha oportunidade para ir concentrando as industrias culturais”.
Marife Boix explicou o modelo de negocio da Frankfurt Book Fair que concentra uns 7.000 expositores de máis de 100 países nun modelo de feira mixto con tres días aberto para profesionais e dous para o público. “Frankfurt ten un foco comercial enorme pero tamén ten un foco cultural e político” apuntou Boix. Ademais, destacou o potencial, a visibilidade e a necesidade de preparación previa para asistir a este tipo de encontro.
A cita rematou pola tarde con dous modelos a seguir como son o caso catalán e a literatura de Flanders polo seu bo funcionamento.

Primeiro Encontro da Edición Galega e Portuguesa
Esta cita coincidiu no tempo co Primeiro Encontro da Edición Galega e Portuguesa, organizado pola Asociación Galega de Editores e coa colaboración do Consello da Cultura Galega. Un encontro artellado en tres mesas redondas (unha dedicada á escrita, outra á promoción da lingua e, unha terceira á edición e distribución) que xuntou a desatacados profesionais como José Viale Moutinho, Teresa Moure ou Suso de Toro, ao redor da pregunta de se hai diálogo ou ignorancia entre os mercados literarios de ambas as dúas beiras do Miño.

Outras noticias que te poden interesar: