NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega leva a Líber, Feira Internacional do Libro, unha escolma das súas publicacións

Do 3 ao 5 de outubro ten lugar en Barcelona unha nova edición da Feira Internacional do Libro, Líber. Unha cita á que o Consello da Cultura Galega (CCG) acode coas súas publicacións máis representativas a través de dous espazos: un deles co Institut d´Estudis Catalans; o outro é coa Unión de Editoriales Universitarias Españolas (UNE). Líber é un espazo de referencia fundamental ao que levar a produción científica recente da institución.

No espazo compartido co Institut d´Estudis Catalans, o Consello da Cultura Galega está representado con 36 publicacións que serven para dar conta do noso variado catálogo. Entre elas hai títulos como “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”, editado no ano en que o seu autor, Carlos Casares, foi homenaxeado co Día da Letras Galegas; “O tempo das mareas. María Casares e Galicia”, no que se revisa a etapa galega desta figura fundamental das artes escénicas; o audiolibro “José Rubia Barcia: unha vida contada”, que reproduce unha entrevista co que foi un destacado intelectual, ou o informe que documenta a situación das artes escénicas.

Ademais, no marco da Unión de Editoriales Universitarias Españolas, o CCG tamén ofrecerá cinco das súas últimas publicacións: “Galicia en Cuba II”, “Os exilios ibéricos: unha ollada comparada. Nos 70 anos da fundación do Consello de Galiza”, e os catálogos derivados de dúas exposicións de fotografía como son a de Anna Turbau, que recolle o legado da transición en Galicia na mirada desta fotógrafa catalá, e a que peneira no arquivo do fotógrafo de prensa coruñés Juan Cancelo. Completa a participación neste espazo o informe “Arte + coleccionismo”.