O Consello da Cultura Galega pecha a revisión das Irmandades da Fala cun congreso sobre o nacionalismo na diáspora

Mañá comeza “Nacionalismo e diáspora” o terceiro congreso internacional do Consello da Cultura Galega (CCG) que revisa o fenómeno das Irmandades da Fala. Esta terceira cita pretende revisar o galeguismo na diáspora, analizando as súas características coas semellanzas e diferenzas dos nacionalismos europeos. Ramón Villares e Xosé Manuel Núñez Seixas son os coordinadores desta cita que se pode seguir en directo desde o web da institución.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A xornada comeza cunha conferencia a cargo de Sergio Miceli da Universidade de São Paulo (Brasil) que falará dos intelectuais do Brasil no século XX. De Brasil pasaremos a Arxentina, onde Fernando Devoto estuda a diferenza e identidade dos galegos cotiás de Bos Aires aos galegos imaxinarios. A sesión de mañá conclúe coa intervención de Xosé Manuel Núñez Seixas que relacionará as diásporas americanas cos movementos nacionalistas xurdidos en Europa entre 1850 e 1970.

A tarde de mañá está centrada en falar das Irmandades da Fala en América no período temporal que vai de 1916 a 1936. Os profesores da Universidade de Santiago de Compostela, Alfonso Iglesias, Xosé M. Núñez Seixas e Pilar Cagiao explicará os casos de Cuba, Arxentina e Uruguai respectivamente.
A xornada do venres centrase nos ecos da emigración en Galicia. O expresidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares falará dos nacionalismos e da emigración, na liña entre a desgaleguización e a identidade. Pola súa banda, Raúl Soutelo, membro do grupo Hispona da USC completa o perfil da emigración falando de emigración de retorno e liderado político, que se sumará ás achegas de Emilio Xosé Ínsua e Carlos Pazo sobre a pegada cubana e lisboeta.

As xornadas rematan falando de lingua e política. Da man de Henrique Monteagudo abordarase a cuestión lingüística na emigración americana; mentres que Matteo Sanfilippo, profesor da Università degli Studi della Tuscia, se centrará no aspecto político.

Tres congreso: un movemento irrepetible
O Consello da Cultura Galega deseñou en 2016 tres congresos para contextualizar o fenómeno das Irmandades. O primeiro deles, hai agora dous anos, analizou o movemento en clave europea. Daquela, trece historiadores europeos transnacionais puxeron de manifesto que o nacemento das Irmandades no ano 1916 non foi un feito illado senón que entroncaba directamente co que estaba a suceder na Europa do momento.
As conclusións daquel congreso titulado “O contexto internacional das Irmandades da Fala: as nacionalidades na Europa de entreguerras: de imperios a nación”, apuntaron que as reflexións na esfera pública europea sobre os termos “nacionalidade”, “nación”, “autodeterminación” e o “principio da nacionalidades” foron complexas e mudables, ademais de que axudaron a configurar o ambiente en que xurdiron e se desenvolveron as Irmandades da Fala. Tamén se uniu o debate tras a Primeira Guerra Mundial sobre o novo concepto de “minoría nacional”. Ademais, nesas discusións tivo grande influxo a revolución soviética e a súa proclamación de apoio á autodeterminación das nacionalidades. Como reacción implícita a esa declaración, as propostas de paz de Wilson, presidente dos EEUU, foron interpretadas por boa parte da opinión pública europea, sobre todo nas nacionalidades sen Estado, como un apoio ás súas reivindicacións e o nacemento do concepto de “autodeterminación nacional”. Na segunda das cita púxose encima da mesa que Cataluña, Portugal e Irlanda foron os grandes referentes externos das Irmandades.

Outras noticias que te poden interesar: