NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega está presente en Polonia na xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI)

Polonia acolle ata mañá sábado a vixésimo oitava xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI), que xunta institucións relacionadas con temática migratoria. O Consello da Cultura Galega (CCG) participa nesta cita a través do Arquivo da Emigración Galega, nunha mesa redonda que terá lugar esta tarde e na que se abordarán aspectos filosóficos e teóricos sobre migracións. Ademais, os responsables desta cita xa acordaron a vindeira reunión que terá lugar en 2019 no Red Star Line de Amberes.

A responsable de Acción Exterior, Emilia García López, é a coordinadora dunha mesa redonda que terá lugar esta tarde e na que participan Anna Domańsk, Artur Kołodziejczyk, Heike C. Spickermann, Sara Ingrosso e Antonello Scialdone. No marco desta cita poñerán enriba da mesa aspectos como a representación visual dos refuxiados nos medios de comunicación ou cuestións familiares no marco dos procesos de migración, entre outros aspectos.

A AEMI
A Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI) é unha entidade creada en Alemaña en 1991 para estudar os antecedentes migratorios, a migración intraeuropea e a inmigración. Está conformada por corenta entidades de toda Europa como o Museo Danés de Emigración, o Centro de Documentación sobre as Migracións Humanas de Bruxelas ou a Casa dos Emigrantes de Suecia. Esta cita, pensada para que os membros da AEMI intercambien os seus puntos de vista e investigacións recentes sobre cuestións relacionadas cos diferentes tipos de migracións, organízase cada ano e ten lugar nunha cidade diferente. En 2016, Santiago de Compostela acolleu este encontro, que deitou novas olladas sobre a diáspora migratoria europea e a identidade cultural.

Acción Exterior e o Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega xorde como un programa promovido pola Sección de Cultura Galega no Exterior, configurándose desde o ano 1992 como un lugar de encontro, centro documental e de información para os investigadores interesados no estudo do fenómeno migratorio.

Entre os seus obxectivos figura conservar a memoria viva da emigración galega a través da recuperación do seu patrimonio cultural; constituírse como un centro de documentación, investigación e difusión referencial que amplía e mantén as súas distintas modalidades de acceso e disposición de materiais de interese para os investigadores; así como difundir e promover estudos e investigacións de carácter científico que sirvan para un mellor coñecemento dos distintos aspectos relacionados co fenómeno da nosa emigración.

En paralelo, o Consello da Cultura Galega conta cunha liña de Acción Exterior, a través da que proxecta a imaxe da cultura galega fóra das nosas fronteiras. Esta área está marcada por unha intensa actividade institucional que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades estranxeiras e outras institucións, e tamén en encontros, conferencias, exposicións ou publicacións.