NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega e Casa Mateus reflexionan nun seminario sobre a realidade dos países ibéricos

Pensar a relación dos países ibéricos como unha parte esencial da Europa occidental pero tamén do espazo atlántico. Este é un dos obxectivos do seminario “Repensar Iberia”, que o Consello da Cultura Galega e o Instituto Internacional Casa Mateus (IICM) organizan esta fin de semana na localidade portuguesa de Vila Real. A cita terá lugar do venres 12 ao domingo 14 e nela participan profesionais e expertos, entre os que está Jaime Gama, Nélida Piñón e Ramón Villares.

Dous días para reflexionar sobre os desafíos que os estados ibéricos teñen no presente e no futuro inmediato, así como as relacións mutuas no seo tanto da Unión Europea como das comunidades iberoamericanas. A cita está coordinada por Ramón Villares e Teresa Albuquerque e organízase nun formato de seminario de discusión aberta entre oradores e convidados específicos, seguido dunha lectura de conclusións pensadas para publicar.

O programa
Este seminario comeza o día 12 coas presentacións institucionais, que correrán a cargo da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, do director da Fundação da Casa de Mateus, Fernando de Albuquerque, e do administrador da Fundação Calouste Gulbenkian, António Feijó. Mentres que o ex-presidente do CCG, Ramón Villares, e a representante da Fundação da Casa de Mateus, Teresa Albuquerque, serán os encargados da presentación específica desta cita.

As sesións de traballo arrancan o sábado 13. A conferencia inaugural corre a cargo do ex-ministro dos Negócios Estrangeiros, Jaime Gama, que falará das realidades, riscos e desafíos da Unión Europea. Por diante quedan cinco mesas redondas con profesionais e expertos chegados de diferentes partes de España e Portugal. A primeira das mesas titúlase “A transición á democracia nos estados ibéricos”. Nela participan Santos Juliá, profesor da UNED, e António Costa Pinto, da Universidade de Lisboa e António M. Feijó como moderador.

A segunda das mesas abordará os asuntos de cooperación e gobernanza no contexto ibérico e europeo. Corre a cargo de Luís Braga da Cruz e de Ramón Máiz, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, con moderación de Pedro Magalhães.

A terceira mesa analizará o espazo ibérico e as políticas públicas desde o punto de vista da economía, do medio e da enerxía. Pedro Santos modera a Elisa Ferreira e a Antón Costas Comesaña, profesor da Universitat de Barcelona.

A segunda xornada de traballo comeza falando de ciencia con Artur Santos Silva, Angel Font, da Fundación La Caixa Portugal, e António M. Cunha, da Universidade do Minho.
As mesas de traballo rematan cunha análise da situación da cultura, con Javier Rioyo e Guilherme d’Oliveira Martins, da Fundação Calouste Gulbenkian e con Teresa Albuquerque como moderadora. A académica brasileira de letras Nélida Piñon clausura a xornada cunha conferencia titulada “Iberia, entre Europa e América”.

Colaboración entre o CCG e Casa Mateus
A relación entre o Consello da Cultura Galega e o Instituto Internacional Casa Mateus (IICM) parte de anos atrás. En 2014 trasladaron a Galicia o encontro Mateus DOC, coa intención de achegar ao noso país un programa encamiñado a xuntar investigadores de todas as áreas científicas, confrontándoos con temas de actualidade e interese xeral. Adaptación, risco, sustentabilidade, representación e infinito foron algúns dos temas analizados desde a perspectiva poliédrica que caracteriza esta proposta.
Esta actividade insírese dentro da liña de traballo do IICM, asociación formada por universidades e membros privados que ten a súa sede na Casa de Mateus, e cuxa función é contribuír ao debate cultural e científico. Ademais, organiza e acolle seminarios nacionais e internacionais onde científicos, artistas, escritores, políticos, economistas ou outras personalidades con fortes intereses culturais procuran dar a súa achega para o debate.