NOTICIA

----

Unha xornada do Consello da Cultura Galega analiza aplicacións relacionadas coa lingua

Converter a fala en texto e traducir automaticamente son dous aspectos relevantes da relación entre os idiomas e a tecnoloxía. Sobre estas materias traballa a xornada “As tecnoloxías da lingua” que organiza mañá martes o Consello da Cultura Galega. Responsables de empresas como Google, RTVE, Galma, Vicomtech e expertos universitarios falarán destas cuestións nunha xornada que se pode seguir en directo desde o web do CCG. A presidenta da institución, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a coordinadora da xornada, Carmen García Mateo, serán os encargados de abrir esta cita que pretende un enfoque eminentemente práctico.

“Con esta xornada o que pretendíamos é demostrar como as novas tecnoloxías afectan á sociedade, e máis concretamente ás tecnoloxías das lingua” explicaba Carmen García Mateo, coordinadora desta cita que xunta expertos nacionais e internacionais. “Como é un campo amplo, na xornada centrámonos en dous aspectos concretos: dunha banda a accesibilidade aos medios audiovisuais, é dicir, da facilidade de acceso a contido audiovisual para xente con discapacidade e, pola outra, da tecnoloxía da fala, para ver o caso dos subtitulados automáticos” matizou. Sobre estas premisas constrúese un programa que comeza cun relatorio xeral de Lourdes Lorenzo, do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo que ofrecerá un estado da cuestión de como está no noso país a accesibilidade aos contidos audiovisuais. Despois, Francisco Armero Real, director da Area de Accesibilidade de TVE, que falará do estado actual e do futuro máis inmediato dunha empresa punteira en accesibilidade como é Televisión Española.
A segunda parte do programa pretende ver das tecnoloxías da fala no campo concreto do subtitulado e das tecnoloxías que o facilitan. Para iso haberá tres relatores: Bélen Ruiz Mezcúa, directora do Centro Español del Subtitulado y la Audiodescripción; Pablo Romero-Fresco, director de GALMA, observatorio galego de accesibilidade ós medios; e Arantza del Pozo, directora do Departamento de Tecnologías del Habla y del Lenguaje Natural de Vicomtech.
Bélen Ruiz centrará o seu relatorio para describir como evolucionou a oferta de subtitulado nas canles de TV nacionais desde 2011. Pablo Romero focalizará esa evolución no subtitulado en directo a nivel nacional, mentres que Arantza del Pozo describirá casos de éxito e novidades na tradución automática.
A sesión da tarde abrirá timidamente o foco a outros aspectos. Dunha banda, José Ramón Pichel, de Imaxin Software, achegará as tecnoloxías da linguaxe ao falar de tradución automática que permitirá a existencia de medios en galego.
Por cuestións horarias, está programada para a tarde a videoconferencia de Pedro J Moreno, de Google Research, que tentará debullar os motivos que levan á multinacional americana a desenvolver tecnoloxía en galego.
Os relatorios da xornada conclúen con Carmen García Mateo, que reflexionará sobre o futuro ao tempo que fará unha panorámica de ferramentas que existen ao tempo que situará reflexións de cara ao futuro.