NOTICIA

----

A presidenta do Consello da Cultura Galega recibe a visita da delegación de académicos colombianos

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, recibiu esta mañá a visita dunha delegación de académicos colombianos nas dependencias do Consello da Cultura Galega. A comitiva visita Galicia por mor das homenaxes que se suceden no noso país ao científico de orixe galega, José de Caldas, polo 250 aniversario do seu nacemento. O concello de Caldas de Reis, xunto con outras entidades, están a organizar unha serie de actividades para lembrar á figura do "Sabio de Caldas", coñecido así en Colombia onde deu nome a unha rexión e a unha universidade.

A delegación estaba formada por Enrique Forero, presidente da Academia Colombiana de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales; o exreitor da Universidad de Caldas, Felipe César Londoño; o exreitor da Universidad Nacional e da Universidad de Antioquía, Darío Valencia; Jorge Reynolds, inventor do primeiro marcapasos externo en 1958, e Parente de Francisco Jose de Caldas. Acompañábaos o alcalde de Caldas de Reis, Xosé Manuel Rey.
A comitiva foi recibida pola presidenta, Rosario Álvarez; o vicepresidente, Xosé Manuel Núñez Seixas; e o xerente da institución, Marcelino Fernández.

Na recepción a presidenta anunciou que a figura de José de Caldas formará parte do Álbum da ciencia e abriu a porta a futuras colaboracións coa Academia Colombiana dentro das competencias do CCG. Ademais, o presidente da Academia Colombiana de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, Enrique Forero, asinou no Libro de Honra da institución.